O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, a pleno rendemento
- Para atender a demanda dos agricultores que comezan cunha nova campaña de plantación de pataca
- Ante as dificultes actuais que atravesa o sector agrícola, resulta máis indispensable ca nunca o labor que realiza dito centro do Inorde xa que, a realización de analíticas do solo son unha ferramenta imprescindible para que os produtores coñezan o contido en nutrientes do mesmo e poidan así establecer estratexias de fertilización rendibles
- As analíticas de solo realizadas no que vai de ano son 1.400, incrementándose, polo tanto, a súa demanda en preto dun 20%
O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, situado no municipio de Xinzo de Limia, atópase a pleno rendemento para poder dar resposta á multitude de demandas que chegan dos agricultores da provincia que comezan cunha nova campaña de plantación de pataca. Ante a difícil situación que está a atravesar na actualidade o sector agrario (suba dos custes da enerxía, dos combustibles e dos fertilizantes que practicamente triplican o prezo do ano pasado), os agricultores afrontan unha nova campaña con incerteza pero traballando co obxectivo de dotar ao mercado dun produto de alta calidade, tanto no referente as súas cualidades organolépticas, como na necesaria seguranza de respecto medioambiental.
Por elo, o labor que realiza o Centro do Inorde resulta máis indispensable ca nunca ao realizar as analíticas de solo que son unha ferramenta imprescindible para que os produtores coñezan o contido en nutrientes do mesmo e poidan así establecer estratexias de fertilización rendibles.
O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro atópase inmerso neste traballo para poder entregar as analíticas solicitadas polos agricultores e que no presente ano se viron incrementadas ao redor dun 20 %. Polo que, a día de hoxe xa son 1.400 as analíticas de solo realizadas no que vai do 2022.
Conxuntamente coas mesmas, e practicamente movéndose no mesmo orde de realización, estanse a rematar as analíticas correspondentes á determinación en solo de cistes e larvas/xuvenís de nematodos do xénero globodera. Este tipo de análise é especialmente importante porque lle permite ó agricultor realizar un control dunha praga tan daniña como é o ataque destes vermes dun xeito efectivo mediante o uso combinado de variedades resistentes e de selo caso o emprego de fitosanitarios.
Ademais, de acordo á filosofía de apostar pola economía circular, o Inorde incrementou as determinacións realizadas sobre estercos e abonos orgánicos co obxectivo de poder aproveitar recursos sen que por iso se vexa afectada a calidade da pataca producida e, sobre todo, para asegurar que o emprego deste tipo de produtos non afecte de xeito ningún o medio natural.
Unha vez que a campaña de análises de solo se estabilice, o Centro Agrogandeiro comenzará coas constitucións dos campos de ensaio con base en pataca situados na finca Antela, con especial interese naquelas experiencias que permitan obter datos fiables encamiñados á optimización das prácticas de fertilización e nutrición dos cultivos, así como adquirir datos encamiñados a instaurar ferramentas de agricultura de precisión e big data.