O Centro Cultural ‘Marcos Valcárcel’ acolle a primeira mostra fotográfica que se exhibe en Europa sobre persoas de ‘xénero non definido’

  • O proxecto, da artista norteamericana Lindsay Morris, chega da man do “Outono fotográfico” e recolle as experiencias vividas nun campamento de verán por nenos e nenas de “xénero non definido” e as súas familias. 
  • Na presentación, a fotógrafa explicou en conexión directa dende Nova York que os motivos que a levaron a realizar este traballo “foron os de poñer en valor a identidade destas persoas e amosar con normalidade a vida que desenvolven”

Exposición You are you

 

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense inaugura esta tarde, ás 20.15 horas, a exposición “You are you”, da fotógrafa norteamericana Lindsay Morris, unha mostra que exhibe por primeira vez en Europa as vivencias das persoas denominadas de “xénero non definido”, a través dun campamento de verán onde conviven nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, e ás súas familias, nun proxecto que pretende pór en valor a identidade destas persoas e amosar con normalidade a vida que desenvolven.

O acto de presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o coordinador do Outono Fotográfico, Vitor Nieves; o asesor de Cultura da Deputación, César Fernández, e o director do Centro Cultural, Francisco González. Nel, a artista Lindsay Morris explicou, en conexión directa dende Nova York que leva traballando nove anos con nenos deste campamento e ás súas familias “para que o mundo coñeza e acepte con normalidade a estas persoas, para o cal estamos a traballar nun libro e nun documental que presentaremos proximamente para difundir ao máximo esta realidade”.

Na exposición a autora fai visible a fraxilidade do límite entre os xéneros, “que non son máis que o resultado dunha construción social e porén non están necesaria ou biolóxicamente inscritos na natureza humana, senón que se trata de xeitos socialmente variables”, explica Vitor Nieves, engadindo que o traballo de Lindsay Morris “lévanos á rutina e intimidade de persoas en pleno proceso de aprendizaxe, xusto nos anos cruciais onde se solidifica a identidade vencellada ao xénero que normalmente é entendido como unha cuestión puramente xenital”.

 

O campamento no que basea o seu traballo a creadora norteamericana ofrece un refuxio temporal onde se poden expresar libremente os rapaces xunto coas súas familias, sen sentir a necesidade de ocultarse ou reprimirse. A autora comezou as visitas ao campamento –que se celebra unha vez ao ano- en 2007 cun familiar seu, mais o traballo non se fixo público até 2012, logo de que os pais e crianzas accederon a que as imaxes foran publicada na portada do New York Times Magazine. Debido ao grande interese que este tema espertou en todo o mundo, o traballo de Lindsay Morris tense editado en publicacións de Francia, Italia, Alemaña, Israel e Australia, e agora, por primeira vez exponse en Europa, sendo o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o primeiro espazo expositivo que acolle esta mostra.

 

Esta “aposta artística arriscada”, como a define Vitor Nieves, “pretende ir alén dos límites das etiquetas para contribuír a un diálogo sobre o papel crucial do apoio e entendemento dunha nova xeración que por primeira vez pode ser criada sen estigmatizacións, sen castigos morais e sen as labazadas da incomprensión sobre a identidade de xénero e as formas en que estas crianzas se expresan a cotío”.

 

También te podría gustar...