O cartel debuxado por Uxía Conde ilustrará a XIX Feira do Viño de Valdeorras
- O cartel debuxado por Uxia Conde Delgado, do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, ilustrará a XIX Feira do Viño de Valdeorras
- Presentáronse ao concurso impulsado polo Consello Regulador un total de 19 propostas de tres colexios da comarca
O cartel debuxado por Uxía Conde Delgado, de 11 anos e natural de Córgomo, estudante no Centro de Educación Infantil e Primaria Xosé Manuel Folla Respino (de Vilamartín de Valdeorras) resultou elixido para ilustrar a XIX Feira do Viño de Valdeorras. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras puxo en marcha o mes pasado, entre os centros escolares da comarca, un concurso para elixir o deseño do cartel da vindeira edición deste foro vinícola, que se celebrará na localidade do Barco os próximos 16 e 17 de xullo.
Establécese un premio de 300 euros para a alumna gañadora e outros 300 euros para o centro no que cursa os seus estudos. O cartel gañador, elixido entre 19 propostas presentadas de tres colexios diferentes da comarca, ten unhas medidas de 50×60 centímetros e vai deseñado a catro cores.
A totalidade dos traballos que se presentaron a concurso vai ser exposta na sede do Consello Regulador. Un xurado composto polo presidente da denominación de orixe, un representante por cada colexio participante e un de cada concello no que se sitúe o educativo que toma parte, foi o encargado de avaliar os traballos, nunha xuntanza celebrada esta mañá na sede do Consello Regulador.