O cantautor ourensán Emilio Rúa inaugura hoxe xoves a nova programación semestral que Cultura e Educación desenvolverá no Salón Teatro

Emilio Rúa presentará en directo as composicións do seu quinto traballo discográfico, ‘Destino Sur’

Emilio Rúa presentará en directo as composicións do seu quinto traballo discográfico, ‘Destino Sur’

 

O cantautor ourensán Emilio Rúa inaugura hoxe xoves a nova programación semestral que Cultura e Educación desenvolverá no Salón Teatro.

O concerto que o cantautor ourensán Emilio Rúa ofrecerá este xoves día 15, ás 21.00 horas, no Salón Teatro é a primeira das 30 propostas da nova carteleira que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despregará ata finais de xuño neste espazo compostelán, sede do Centro Dramático Galego (CDG).

Na actuación deste xoves, Emilio Rúa presentará en directo as composicións do seu quinto traballo discográfico, ‘Destino Sur’, para o que contará cun convidado de excepción: o humorista Carlos Blanco, quen fará de mestre de cerimonias e mesmo interpretará xunto a Rúa algún dos temas máis coñecidos deste último. Ambos estarán arroupados por A Banda, os músicos que acompañan habitualmente ao cantautor.

Esta mesma semana chegará tamén á sede do CDG a compañía Teatro do Morcego co espectáculo ‘Diálogo do can co seu amo’, versión da obra do dramaturgo belga Jean Marie Piemme interpretada por Celso Parada e Mundo Villalustre, da que se ofrecerán tres funcións: o venres 16 e o sábado 17, ás 20.30 horas, e o domingo 20, ás 18.00.

Tanto as entradas para o concerto de Emilio Rúa como para a montaxe de Teatro do Morcego poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com, así como nas billeteiras do Teatro Principal, de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas, e do Salón Teatro, desde dúas horas antes do comezo das actuacións.

También te podría gustar...