O Cancro do Bierzo (I)
Cómpre antes de principiar neste limiar co relatorio salientar que – por mor de achegarse á problemática da coincineración – se precisa facer unha cronoloxía dos feitos, o que nos levará a distribuílos en varios artigos. Deste xeito, neste enceto sinxelamente referirémonos exclusivamente aos anos 2007/2008, nos que só se amosou unha certa intencionalidade pola banda da empresa de queimar uns residuos tóxicos e nocivos (amparándose no que se vén a chamar “valorización”).
Alertabamos no remate do ano 2007 que, segundo as informacións das que tiñamos coñecemento, Cosmos estaba a piques de incinerar na súa planta de Toural dos Vaos rodas de automóbeis e mais plásticos. A xustificación era a optimización e rendibilidade dos investimentos na produción de cemento.
Nós, ao contrario, estimabamos que a mentada práctica conlevaba un grande risco, pois a cantidade de produtos tóxicos que contaminarían a atmosfera era incalculable.
Ademais, a pretensión sería negativa para o turismo que acudía á praia fluvial da localidade do Bierzo Oeste.
Engadiamos, neste senso, aínda máis: “logo de ter cumpridos e axeitados todos os trámites administrativos, dispoñíase a levar a termo no Bierzo o mesmo proceso de incineración que lle foi negado polo Concello de Córdoba e tamén polo de Sarria (Oural)”.
Noutro canto, Ecoloxistas en Acción – no eido da súa campaña nacional contra a incineración – remitiu daquela cartas aos Rexedores e Xuntas Veciñais da contorna, pedindo o seu posicionamento fronte ao proxecto recén adoptado. Tratábase de impedir a aprobación da concesión da Autorización Ambiental Integrada (A. A. I.), solicitada perante a Consellería correspondente da Xunta de C. e L.
Ao respecto das consecuencias da incineración dos residuos a empregar diciamos que “Estes – biomasa, plásticos, neumáticos, fariñas e as denominadas graxas animais, os lodos das depuradoras e outros refugallos – xeran unha medra importante de axentes contaminantes no aire, nomeadamente metais pesados, partículas diversas, hidrocarburos aromáticos policíclicos, dioxinas e furanos.”
E, incluso, veríanse afectados os empregados da factoría e a repercusión nos sectores produtivos da agricultura, gandería e mailo turismo prevíase inmensa.
Os Colectivos conservacionistas e defensores da natureza axiña se puxeron a traballar co fin de axuntar forzas. E así, en novembro do 2008, Bierzo Aire Limpo convocou unha mobilización que constituiría o xermolo de concienciación da sociedade berciana.
Por volta de 2.000 personas manifestáronse entón en Ponferrada, a pesar de que a climatoloxía non acompañou nun sábado mollado. No comunicado conxunto que publicaron os medios de comunicación felicitábanse os convocantes da resposta popular na manifestación, cualificándoa de éxito.
Asemade, reclamábase textualmente: “Agardamos que o éxito obtido serva para que quen estivera ollando para outro lado deixe de facelo. Afeamos ás autoridades que nin tan só se ofreceron a nos recibir, e en canto expoñentes deste xesto ou actitude temos que personalizar: o Presidente do P. P. no Bierzo, o Rexedor de Ponferrada, o ata de agora Secretario Comarcal do P. S. O. E. e Alcalde de Camponaraia, os representantes da Xunta de C. e L. e, ante todo, o Presidente do Consello do Bierzo e o Rexedor de Toural dos Vaos – Pedro Fernández – a quen lle lembramos as súas declaracións do 2001, nas que rexeitaba a queima das fariñas animais no seu termo municipal”.
Marcelino B. Taboada