O Campus da Auga e o Termalismo centran a reunión entre Manuel Baltar e Salustiano Mato

O Campus da Auga e o Termalismo centran a reunión entre Manuel Baltar e Salustiano Mato

 

O Plan Estratéxico do Campus da Auga, que será presentado proximamente, e o Termalismo foron os temas que centraron a reunión que hoxe mantiveron no Pazo Provincial o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Na xuntanza, analizaron a situación actual e as novidades que presenta o proxecto do Campus da Auga, que vai supoñer a primeira especialización en Galicia dun campus neste ámbito, algo directamente relacionado co carácter e o potencial termal da provincia de Ourense, e que vai permitir crear puntos de colaboración co Plan Termal que está a desenvolver a Deputación de Ourense conxuntamente coa Xunta de Galicia e que contará tamén coa colaboración da Universidade de Vigo.

Baltar e Mato concordaron na importancia que ten afondar nos diferentes aspectos que ofrece a riqueza termal na provincia de Ourense, como son a investigación, o ámbito turístico, o sanitario e o histórico e patrimonial «porque poñen en valor unha riqueza singular que temos, e o feito de actuar coordinadamente entre diferentes institucións potenciará, sen dúbidas, o noso termalismo», afirmou Baltar, engadindo que o Campus da Auga «será un aliado para o desenvolvemento do Plan Termal provincial ao contar no noso entorno académico con este grao de especialización».

También te podría gustar...