O campionato de España de BTT, que se celebra en Maceda, patrocinado pola Deputación
- A Deputación de Ourense patrocina o campionato de España de BTT, que se celebra en Maceda, promocionando ciclismo e termalismo
- O evento, organizado polo Club Ciclista Maceda e a Federación Española de Ciclismo, celebrarase os vindeiros 15, 16 e 17 de xullo
- Manuel Baltar asinou o acordo de colaboración xunto cos presidentes das federacións galega e nacional de ciclismo, o coordinador do Club Ciclista Maceda e o alcalde da vila, Rubén Quintas
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou cos presidentes das federacións galega e española de ciclismo, Juan Carlos Muñiz e José Luis López Cerrón; co coordinador do Club Ciclista Maceda, Xulio Xosé Conde, e co alcalde da vila macedá, Rubén Quintas, o acordo de patrocinio por parte da institución provincial dos Campionatos de España de BTT, que se disputarán os vindeiros días 15, 16 e 17 de xullo en Maceda. Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense pretende promocionar ciclismo e termalismo, «dando a coñecer a riqueza turística da nosa provincia, coa especial singularidade que ten o ámbito termal, promovendo a «marca Ourense», afirma Manuel Baltar.
O campionato, organizado polo Club Ciclista Maceda e a Real Federación Española de Ciclismo e que conta cunha achega de 24.000 euros, aportados pola Deputación de Ourense, é un evento excepcional e de máximo nivel, tendo en conta ademais que este ano é olímpico e que a modalidade que se disputa en Maceda está incluída nos vindeiros Xogos Olímpicos de Río 2016, que contarán con ciclistas españois seleccionados para as ditas olimpíadas.
Neste sentido, España é unha potencia mundial neste deporte, situada no terceiro posto do ranking por seleccións, e conta con corredores situados entre os mellores do mundo, como ven de acontecer co biker macedán Pablo Rodríguez Guede, quen acadou a pasada fin de semana a 10ª praza no seu debut no Mundial élite de BTT, e mantén vivas as súas aspiracións de acudir aos Xogos de Río.
Ademais de Rodríguez Guede, o campionato de España que se celebra en Maceda contará tamén con Jose Antonio Hermida, prata olímpica en Atenas e un dos referentes mundiais neste deporte, e que ademais posúe varios títulos en Campionatos do Mundo. A participación de Hermida, xunto co local Pablo Rodríguez Guede, Campión de Europa, e Subcampión da Copa do Mundo Sub23, constitúe un aliciente especial, que a bo seguro atraerá a Maceda un número moi importante de público, como así se prevé, chegado de non só de toda Galicia senón tamén do resto de España.
Estes campionatos de España son unha oportunidade única no que atinxe a impactos económico, de espectadores e de asistentes, xa que nel se darán cita máis de 500 deportistas durante 3 días, chegados de toda España cos seus equipos e coas seleccións autonómicas, cun retorno económico que rolda os 500.000 euros.