O BNG de Vilamartín presenta unha moción de apoio ás persoas que reciben pensións de estados extranxeiros

Asamblea aberta BNG en Vilamartín

 

O BNG de Vilamartín presenta unha moción de apoio ás persoas que reciben pensións de estados extranxeiros, ou sexa, a prol e en defensa dos dereitos do colectivo de Emigrantes Retornados.

Antón Rodríguez Prieto como membro do BNG de Vilamartín de Valdeorras indica cales son os mottivos de dita moción:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Máis unha vez querémonos referir á problemática que rodea a emigración que Galiza padeceu, e continúa padecendo. Foron milleiros as persoas que se viron obrigadas a abandonar o noso país desde comezos do século XIX para procurar un medio de vida. Hoxe, persoas mozas cunha alta cualificación, tamén se ven obrigadas a facer o mesmo que fixeron os seus avós e avoas para poderen ter un traballo.

Moitas das persoas emigrantes, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, son beneficiarias de pensións que perciben de estados estranxeiros. Tras este colectivo recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondentes aos exercicios de 2008, 2009, 2010 e 2011, produciuse unha forte resposta social. Estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade de defraudar por parte destas, e que se  apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.

Foi a presión que realizou con intensidade a Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados/as a que conseguiu que se saiba quen son os verdadeiros defraudadores e que se coñeza que houbo un trato inxusto e discriminatorio cos/coas pensionistas retornados/as. Tamén esa contestación social motivou a introdución na reforma fiscal prevista para 2015 dun “proceso de regularización” dirixido a este colectivo que, con todo, é unha solución parcial que non asegura un tratamento fiscal equitativo e non discriminatorio respecto doutras persoas que só perciben pensións de organismos do Estado español. Por iso non se pode consentir que se lle dea unha solución simplemente cosmética ás xustas demandas deste colectivo coa Axencia Tributaria por atopármonos nas vésperas dun ano de importantes envites electorais. Son imprescindíbeis medidas reais para que a tributación das pensións de emigrantes retornados/as sexa xusta e igualitaria, que os impostos que soportan non teñan un tratamento legal diferente polo simple feito de ter desenvolto unha parte da súa vida laboral no estranxeiro.

 

Por iso o grupo municipal do BNG deste concello, solicita do Pleno da Corporación Municipal, a adopción do seguinte:

ACORDO

  1. Demandar do Goberno do Estado español a adopción urxente das seguintes medidas:
  2. a) Que proceda á modificación lexistativa para fixar un mesmo réxime do IRPF para as rendas procedentes de pensións, con independencia de se estas proceden dun estado ou de varios estados.
  3. b) O recoñecemento de oficio das pensións de invalidez, recoñecidas nos países de procedencia coa finalidade de acreditar a exención na tributación destas pensións.
  4. c) Solicitar información dos países de procedencia das pensións, sobre todo de Suíza, para verificar que prestacións xa están sometidas a gravame no país de orixe para evitar a dupla imposición.
  5. d) Revisión dos convenio marco con outros países para evitar que situación deste tipo poidan volverse a producir.
  6. Manifestar o apoio deste concello aos veciños e ás veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria, asistindo á manifestación convocada para o vindeiro venres 5 de decembro na cidade de Ourense.

También te podría gustar...