O BNG continuará reclamando “unha sanidade pública próxima e de calidade”

  • O BNG reclama a recuperación da Área sanitaria de Valdeorras
  • María Albert demanda recuperar o persoal nas especialidades de Traumatoloxía e Radioloxía e frear o desmantelamento de servizos do Hospital público do Barco de Valdeorras

 

Tras a mobilización, ás portas do Hospital Público do Barco de Valdeorras contra “o deterioro da atención sanitaria” e o desmantelamento de servizos  sanitarios que  paulatinamente están a converter o Hospital nun “centro de especialidades”, a deputada do BNG, María Albert reclamou a “recuperación da Área sanitaria de Valdeorras” e frear os continuos  recortes na atención sanitaria do Hospital Público do Barco de Valdeorras e a súa comarca.

O BNG, explicou Albert, rexistrou unha batería de iniciativas ao fin de recuperar “persoal especialista en traumatoloxía e radioloxía”. No servizo de traumatoloxía, explica a deputada nacionalista, “pasamos de catro especialistas a un” e no servizo de  radioloxía  con dous radiólogos, un deles  “exento de gardas”. En ambas especialidades, engade a parlamentaria do BNG, “non se están a cubrir as gardas durante a fin de semana” obrigando aos usuarios e usuarias a desprazarse ao Hospital de Ourense, empregando no desprazamento máis dunha hora.

 

Ademais, lembrou que a carencia de ambulancias obrigou aos usuarios e usuarias a utilizar o seu propio coche para  o desprazamento, entre o Barco de Valdeorras e o  Hospital de Ourense, cos problemas que  convela.

No Barco de Valdeorras e a súa comarca, remarcou Albert, “merecemos unha asistencia sanitaria de primeira, próxima e unha sanidade que atenda a unha poboación moi envellecida que vive a grande distancia de todas as cidades galegas”.

Despois de tres semanas de mobilizacións, ante o Hospital Público do Barco de Valdeorras demandando a recuperación da Área Sanitaria, a nacionalista reitera  que o BNG continuará reclamando “unha sanidade pública próxima e de calidade”  e apoiará  todas aquelas  iniciativas para denunciar o desmantelamento iniciado polo Partido popular na asistencia sanitaria en Valdeorras e na súa comarca.

También te podría gustar...