O Banco de terras de Galicia duplica as parcelas dende a súa posta en marcha

  • O número de parcelas incorporadas ao banco de terras de Galicia duplicouse dende a súa posta en marcha
  • Esta entidade dependente da Consellería do Medio Rural pasou de xestionar 6.722 leiras en 2008 ás actuais 12.355
  • A superficie total destes predios medrou tamén nese mesmo período desde as 3.159 hectáreas ata as 5.785 rexistradas a data de un de agosto deste ano

 

sitegalO número de leiras incorporadas ao Banco de Terras de Galicia duplicouse dende a creación desta entidade dependente da Consellería do Medio Rural, pasando de 6.722 en 2008 ás actuais 12.355. A superficie total destes predios medrou tamén nese mesmo período desde as 3.159 hectáreas ata as 5.785 rexistradas a data de 1 de agosto deste ano.

Os terreos incorporados ao banco proceden de masas comúns de zonas de concentración parcelaria posteriores a 1985, de leiras de particulares e das derivadas do convenio co Ministerio de Facenda para xestión de predios de propietarios descoñecidos. A meirande parte destas leiras (un 91,3% do total) son de titularidade da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Do resto, un 8,7% corresponde a terceiros, entre os que se atopa un grupo de 88 predios propiedade do devandito Ministerio, que representan o 0,7% do total.

Das máis de 12.000 parcelas incorporadas actualmente ao banco, arredor da cuarta parte están arrendadas ou en proceso de arrendamento. Máis de 5.000 están dispoñibles. O resto son predios non arrendables (por exemplo, por teren unha construción ou unha instalación), terreos que se atopan en proceso de incorporación ou aqueles con problemas de identificación da propiedade.

O Banco de Terras de Galicia é un instrumento creado pola Consellería do Medio Rural co que se pretende regular o uso e aproveitamento de leiras con vocación agraria, co dobre obxectivo de evitar o seu abandono e de poñelas a disposición de todas aquelas persoas que necesiten terra para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e patrimonio ou outros usos de interese social.

A función principal desta entidade é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias e aquelas que precisan terras, así como dar garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso dos predios.

También te podría gustar...