O audiovisual galego amósase en Berlín nunha misión comercial promovida pola Xunta de Galicia coa participación de 9 empresas

european-film-market_logo

 

A produción audiovisual galega amósase a partir de hoxe e ata o vindeiro 13 de febreiro no European Film Market (EFM) de Berlín, a feira que se desenvolve en paralelo á Berlinale, a través dunha misión comercial promovida pola Xunta de Galicia e integrada por nove compañías do sector.

A delegación empresarial galega, na que participan Filmanova, Portocabo, Artemática, Frida Films, Ladybug Films, Matriuska Producciones, Pela del Álamo Productora, Sun Lúa e Verve Audiovisual, acode á capital alemá no marco do plan de internacionalización para os produtos e servizos culturais galegos que manteñen a Consellería de Cultura e Educación e o Igape (Instituto Galego de Promoción Económica) a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Clúster Audiovisual Galego.

Dentro desta liña de traballo, o audiovisual galego participa en diferentes feiras estratéxicas cara á procura de socios, compradores e distribuidores de todo o mundo, como o festival de curtas de Clermont-Ferrand que se está a celebrar tamén estes días na localidade francesa, o mercado Ventana Sur de Bos Aires, ou o Marché du Film, o MIPTV e o MIPCOM de Cannes.

Pases de producións galegas
A presenza galega verase reforzada na actual edición do European Film Market coa proxección nos pases de mercado da fita cofinanciada a través das subvencións da Agadic ‘El Club de los Incomprendidos’, a longametraxe destinada a público xuvenil coproducida por Bambú e Atresmedia a partir da novela do autor Blue Jeans. Tamén se exhibirá a película infantil de animación en 3D ‘Brujerías (Meigallos)’, de Continental Producciones e Otto Desenhos Animados dirixida por Virginia Curiá.

Ademais, a produtora coruñesa Portocabo participará co seu proxecto ‘Hierro’ no foro CoPro Series, destinado á coprodución televisiva. A proposta galega, un drama policial ambientado na illa máis remota do arquipiélago canario desenvolvido para laSexta, é a única representación española entre as catro propostas internacionais que participarán neste selecto encontro.

Novo catálogo 2015
As empresas galegas contarán no EFM cun espazo propio para o desenvolvemento de xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón Cinema from Spain, do que a Agadic forma parte xunto ao Instituto de Comercio Exterior (ICEX), o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE) e outros organismos autonómicos.

Desde este espazo distribuiráselle tamén aos axentes de vendas internacionais a nova edición 2015 do catálogo ‘Films from Galicia’, unha escolma das producións máis recentes de longametraxes de ficción, animación e documental, así como o DVD promocional ‘Shorts from Galicia’ dedicado especificamente a curtas.

Oportunidades de negocio
Neste ámbito, o European Film Market é un dos máis importantes escaparates de cine do mundo, asociado á programación da Berlinale como o centro de negocios para os profesionais que asisten ao recoñecido festival cinematográfico. Cada ano acolle máis de 400 expositores (na súa maioría produtoras, distribuidoras e organismos oficiais) duns 50 países, así como 1.300 compradores de todo o mundo.

Na presente edición, o EFM presenta novas e interesantes iniciativas como o evento ‘Drama Series Days’, que se centra en series de ficción de alta calidade e inclúe eventos para amosar as últimas tendencias do sector e a súa evolución; a sección ‘Bridging de Dragon’ con Asia como protagonista; unha iniciativa centrada nas ‘startups’; ou os dous novos puntos de encontro ‘EFM Buyers Lounge & EFM Producers’, deseñados para satisfacer de mellor maneira as necesidades dos produtores que asisten ao mercado. Todo isto permitirá ampliar as redes de contactos dos profesionais acreditados e incrementará as posibilidades de negocio.

También te podría gustar...