O acordo lácteo, a favorable evolución mundial do sector e a estacionalidade incidirán de xeito positivo no prezo do leite

  • A Xunta confía nesta boa evolución dos prezos, favorecida tamén polas medidas impulsadas polos gobernos galego e español a prol deste sector
  • O Goberno galego achegou 9,8 millóns de euros este ano en axudas para a prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais en man común

A Xunta confía en que os acordos acadados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) entre os diferentes axentes do sector lácteo, acompañados dunha evolución positiva de prezos na conxuntura mundial e o efecto da estacionalidade incidirán de maneira positiva no prezo do leite pagado nas explotacións nos próximos meses. Así o sinalou a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Patricia Ulloa, na Comisión 7ª do Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre o tema.

A directora xeral dixo que unha parte das medidas impulsadas polas administracións a prol deste sector pasan polo apoio ás explotacións nestes momentos de crise, pero que o traballo que queda por facer é máis de fondo, tentando acadar unhas marxes de produción que permitan a viabilidade a longo prazo das granxas de leite. Neste sentido, falou da necesidade dunha análise e control estritos de custos-beneficios nas explotacións, buscando incrementar ditas marxes de produción. Pero advertiu que estes cálculos teñen que facerse de xeito individualizado, por explotación, e que é un traballo de cada gandeiro e das Organizacións de Produtores (OP) fixar ese limiar de rendibilidade.

En relación co cumprimento dos compromisos asumidos polos asinantes do acordo, Patricia Ulloa indicou que estará en función do grao de implicación que teña cada unha das partes que o acordaron. Nesta liña engadiu que todo o acordo pasa porque a distribución deixe de banalizar o leite nos seus lineais, que a industria transmita os prezos cara atrás ata o produtor e que as OP regulen os volumes ofertados, evitando excesos de oferta como o que ten acontecido. Tamén porque tanto industria compradora como produtores (a través das OP) se senten a negociar prezos que sexan realistas e acordos co mercado, sen sesgos cara ningunha das partes.

La-leche_diaporama_550

Medidas do Magrama
En resposta a outra pregunta tamén relacionada co lácteo, a directora xeral explicou as diferentes medidas impulsadas polo Magrama para achegar axudas directas e indirectas a este sector. En primeiro lugar, sinalou que a reforma da PAC proporcionará un nivel de axuda para o conxunto do sector lácteo estatal duns 247 millóns de euros ao ano, que supón unha media de 15.000 euros anuais por explotación. A continuación, Patricia Ulloa detallou outras accións a favor do lácteo por parte do Ministerio, como son o apoio ás organizacións de produtores, a promoción do consumo de leite, a vixilancia do cumprimento da lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, a concesión de créditos a gandeiros ou a divulgación dos contratos lácteos. Tamén, a divulgación de información sobre custos e marxes de produción, a potenciación do papel da interprofesional INLAC, o impulso do programa de leite escolar, o plan estratéxico para a industria láctea, o impulso ao cooperativismo ou a celebración do primeiro foro empresarial da industria e os produtos lácteos.

A maiores, a directora xeral defendeu as novas medidas tamén impulsadas polo Magrama, entre as que citou as axudas directas para compensar as dificultades económicas no sector, cunha dotación de 20 millóns de euros. Referiuse, así mesmo, á mellora da transparencia na transmisión do valor ao longo da cadea de subministración, ao reforzo do control do cumprimento dos compromisos correspondentes ao Programa de Produtos Lácteos Sostibles e ao reforzo das políticas a favor do desenvolvemento e potenciación das figuras de calidade protexidas para os queixos e dos produtos acollidos á Agricultura Ecolóxica. Outras destas actuacións teñen que ver co apoio á presenza dos produtos lácteos españois nos mercados exteriores e as xestións diante do Consello de Ministros da UE a favor do sector lácteo. En relación con estas últimas, a directora xeral destacou os 25,5 millóns de euros que recibirá España por parte da Unión Europea en concepto de axuda económica de crise para as explotacións lácteas, onde insistiu en que todas as explotacións produtoras de leite en Galicia serán susceptibles de recibir estas axudas como complemento aos 20 millóns de euros que dota o Magrama.

Por último, Patricia Ulloa explicou algunhas das medidas tamén postas en marcha pola Xunta a prol do lácteo, tales como as axudas para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación de mozos á actividade agraria, os préstamos habilitados dende o Igape para a mellora da liquidez das explotacións, o programa de consumo de leite nas escolas ou as campañas cos consumidores de promoción da marca Galega 100%.

Axudas aos montes en man común
Por outra banda, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, respondeu nesta Comisión 7ª a unha pregunta sobre as axudas de 2015 para a prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais en man común. Sinalou que en total foron 609 os expedientes aprobados, referidos ao control selectivo do combustible e a construción de puntos de auga, cun importe total de 9,8 millóns de euros

También te podría gustar...