O 83% das explotacións de leite que se verán beneficiadas das axudas complementarias do Ministerio serán galegas
A Xunta valora positivamente que o 83% das explotacións de leite que se verán beneficiadas das axudas complementarias do Ministerio sexan galegas.
- Administración galega agradeceu o esforzo e traballo levado a cabo polo Ministerio, que tralas negociacións a nivel europeo conseguiu máis fondos adicionais para o sector lácteo
- Deste xeito, o Goberno dará 45,5 millóns de euros adicionais aos gandeiros do sector lácteo, dos cales 25,5 son de fondos comunitarios e os outros 20 de orzamento nacional
A Xunta valora positivamente que o 83% das explotacións de leite que se verán beneficiadas das axudas complementarias do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente sexan galegas. Así, todas aquelas explotacións que non están cubrindo os seus custes de produción recibirán de forma adicional ata 10.000 euros de axuda para paliar esta situación.
A Consellería do Medio Rural agradece o traballo e esforzo levado a cabo polo Ministerio na defensa deste sector tan estratéxico para España en xeral e para Galicia en particular. Así, ademais destes 20 millóns de orzamento nacional destinados a axudar a todas as explotacións en situación máis complicada, España conseguiu outros 25,5 millóns de fondos comunitarios. Unha axuda extra que a Consellería valora porque chegará a todas e cada unha das explotacións do país. Así, as explotacións galegas recibirán o 100% da axuda comunitaria, que supón unha achega de ata 50.000 euros.
Todas estas axudas vense complementadas co recente acordo lácteo, o cal ofrece por primeira vez a posibilidade de dar estabilidade e transparencia ao sector, xa que recolle todo aquilo que legalmente se pode e mesmo supera as expectativas manifestadas no 2009 polas asociacións agrarias que agora non asinaron este acordo. Neste senso, a Consellería do Medio Rural insiste en que, antes de facer unha valoración do acordo, é preciso darlle tempo e non facer anticipacións sen sentido.
Batería de medidas
A conselleira do Medio Rural destacou todas as medidas impulsadas polo seu departamento e polo Goberno central, que redundan no apoio ás organizacións de produtores, na promoción do consumo de leite, na vixilancia do cumprimento da lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, na concesión de créditos a gandeiros ou na divulgación dos contratos lácteos. Tamén destacan as accións de divulgación de información sobre custos e marxes de produción, a potenciación do papel da interprofesional INLAC, o impulso do programa de leite escolar, o plan estratéxico para a industria láctea, o impulso ao cooperativismo ou o apoio á internacionalización do sector.