O 80% dos concellos galegos empregan software libre no seu equipamento TIC

osimgaO 80% dos concellos dispón de software libre nalgún equipo informático, ben sexa en ordenadores de usuario ou servidores. Máis do 76% dos municipios contan software libre nos ordenadores de usuario, ben como única tipoloxía de software habilitada nos equipos (2,9%) ou ben en presenza de software privativo (75,6).

Do total de concellos que teñen servidores, o 45,4% dispón de software libre instalado, ben como única tipoloxía de software (3,9%) ou ben en combinación con software privativo (43,9%).

Son datos do informe sobre a implantación e uso do Software Libre nos concellos de Galicia, un informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en base a unha enquisa realizada entre os 314 concellos galegos.

Base instalada

Por tamaño dos concellos, o 92,7% dos que teñen máis de 5.000 habitantes dispón de software libre nalgún dos seus equipos informáticos, o que implica unha diminución respecto ao 2011 onde o valor situábase no 96,4%. No caso dos concellos con máis de 50.000 habitantes, o 100% dispón de software libre e de software privativo simultaneamente nos equipo informáticos.

Uso

O emprego de software libre nos equipos de usuario dos concellos é superior nas aplicacións que nos sistemas operativos, cunhas porcentaxes do 67,7% e 30,4% respectivamente.

No referente a servidores, a presenza de aplicacións informáticas libres é superior á de sistemas operativos libres. Se ben, as diferenzas son menores que no caso de ordenadores de usuario.

En canto ás aplicacións informáticas de uso xeral, a combinación de software libre e software privativo é a opción máis habitual no caso de ofimática, navegador de internet e xestor de correo electrónico. No referente ao antivirus e seguridade, a tipoloxía máis habitual é a de software privativo. A mellor porcentaxe de dispoñibilidade de software libre está no navegador de Internet, en exclusividade no 20,2% e xunto co software privativo no 68,5% dos ordenadores.

Valoración

En canto á valoración global, tanto o software libre coma o software privativo obteñen unha puntuación semellante e con valores próximos aos 7 puntos. No caso de software libre, os valores oscilan entre o 6,5 para concellos de máis de 50.000 habitantes e o 7,2 dos concellos de entre 20.001 a 50.000 habitantes.

Respecto as previsións de uso dos concellos sobre o emprego de software libre en 1 ou 2 anos nas entidades locais, no 80% prevén que aumentará ou manterase igual. No caso dos ordenadores de usuario 4 de cada 10 concellos cren que aumentará, mentres que no caso dos servidores a tendencia semella máis inclinada a seguir nos niveis de uso actual.

También te podría gustar...