O 14º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos impulsa o emprendemento e vencella a investigación e a empresa
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o subdirector de Sistemas e Infraestruturas da Escola de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, presentaron hoxe no Pazo Provincial a 14ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, un certame financiado pola Deputación de Ourense e organizado por Expourense e pola Escola Superior de Enxeñería Informática, que ten como obxectivo impulsar o emprendemento e vencellar a investigación universiataria co eido empresarial.
Nesta edición entregaranse 1.400 euros en premios aos proxectos que resulten gañadores, nun acto que terá lugar o día 2 de decembro na Escola Superior de Informática do Campus de Ourense. O prazo de recepción de candidaturas remata o 25 de novembro.
No acto de presentación, Rosendo Fernández destacou que este certame “é unha oportunidade para que os universitarios amosen o seu talento innovador e presenten os seus proxectos tecnolóxicos a unha iniciativa que ten como finalidade achegar o coñecemento da universidade e poder aplicalo no mundo empresarial”, e engadiu que a Deputación de Ourense “considera unha excelente liña de colaboración esta cooperación coa Universidade de Vigo e con Expourense, por medio deste certame, que o que pretende e pór en valor a investigación e a creatividade aplicada á tecnoloxía dos nosos universitarios para que poidan ter a súa continuidade no eido empresarial, especialmente no que atinxe á informática e as telecomunicacións”.
O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos chega xa a súa décimo cuarta edición consolidado como unha gran oportunidade para os estudantes do sector de Galicia e de Portugal para dar a coñecer os seus proxectos de Fin de Carreira. As bases da convocatoria para presentar os traballos poden consultarse na páxina web www.expourense.org. En total repartiranse 1.400 euros en premios.
A finalidade do concurso é sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ó seu proceso de produción axudando a facela máis competitiva. Polo tanto, teñen cabida todos aqueles traballos onde prime unha clara aplicación das súas ideas ó mundo empresarial e que estean vencelladas coa realidade e necesidades cotiás.
Aínda que cada vez son máis as empresas que contan cun departamento de I+D+i, unha boa parte das investigacións realizadas en Galicia xorden na universidade. A investigación, o desenvolvemento e a innovación convertéronse hoxe en día na mellor ferramenta para que unha empresa sexa competitiva a nivel internacional.
Bases
A 14ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos constará de dúas modalidades A e B e nelas poderán participar os alumnos das universidades da eurorexión Galicia-Norte de Portugal que estean cursando algunha das seguintes titulacións:
– Modalidade A. Títulos de Enxeñería en Informática, Enxeñería de Telecomunicación e Traballos de Fin de Máster de másteres oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e as comunicacións.
– Modalidade B. Títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñería Técnica en Informática, Enxeñería Técnica de Telecomunicación.
Neste sentido os participantes poden presentar os seus proxectos Fin de Carreira. A participación neste concurso pode ser unha boa carta de presentación á hora de incorporarse ó mundo laboral. Un dos requisitos para poder participar será ademais a creación dunha Páxina en Facebook no que se publicará toda a información textual, fotos, vídeos, etc, que se considere oportuna sobre o seu proxecto. A páxina que consiga máis “Me Gusta” obterá o premio do Público.
Os premios deste concurso serán entregados na Escola Superior de Informática da Universidade de Vigo (Edificio Politécnico-Campus de Ourense), o martes 2 de decembro de 2013. Concederanse tres premios en cadansúa categoría (A e B) cuxa contía ascende a 1.400 euros sendo os primeiros premios de 500 e 350 euros respectivamente.
Co obxectivo de facilitarlle a participación neste concurso aos alumnos das universidades da Coruña e Santiago de Compostela, a organización pon á súa disposición un bono desconto do 35% en RENFE (inclúe AVANT) que pódese descargar en www.expourense.org.