O 112 rexistrou 378 incidencias relacionadas co temporal que afecta a Galicia desde esta fin de semana
- A provincia máis afectada foi Pontevedra, cun 43 por cento das incidencias; seguida da Coruña, co 35 por cento; Ourense, co 14 e Lugo, cun 7 por cento
- Máis da metade das incidencias están relacionadas coa caída de árbores e pólas, así como con anegamentos en rúas, estradas, garaxes e vivendas
- Neste momento continúa activo o nivel laranxa por vento no litoral das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, con refachos que poden acadar os 100 km/h
O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia leva xestionadas un total de 378 incidencias a causa do temporal de vento e choiva que está a afectar a Galicia, tanto en terra como no mar, desde a fin de semana.
Así se desprende dun informe do Centro de Emerxencias galego, que recolle datos comprendidos entre as 8.00 horas de onte e as 11.00 h. desta mañá. A provincia máis afectada foi a de Pontevedra, cun 43 por cento das incidencias; seguida das da Coruña, co 35 por cento; Ourense, co 14 por cento e Lugo, cun 7 por cento.
Igualmente, nese mesmo período tamén se atenderon 3.807 chamadas, das cales a maioría, o 43 por cento, estiveron relacionadas coa caída de árbores e pólas e por anegamentos en rúas, estradas, garaxes e vivendas, que supuxeron un 13 por cento das incidencias rexistradas polo Centro de Atención ás Emerxencias.
As horas nas que se rexistrou maior actividade no 112 Galicia foi entre as 13 e as 15 horas de onte, domingo, e ás 10 horas desta mañá, coincidindo coa caída dunha forte tromba de auga. Os concellos con maior número de incidencias foron Padrón, Ortigueira, Arzúa, Rianxo e Santiago, na Coruña; Lugo, O Saviñao e Palas de Reis, en Lugo; Bueu, Cangas, Lalín, Vigo, Vilagarcía e O Porriño, en Pontevedra; e Muíños, Vilar de Barrio, Castro Caldelas; Ramirás e Ourense, na provincia ourensá.
Neste momento continúa activo o nivel laranxa por vento no litoral das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, con refachos que poden acadar os 100 km/h.
Incidencias en centros educativos
Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informou de dúas incidencias na cidade de Pontevedra. Nun dos casos trátase do desprendemento dunha fiestra do IES Sáchez Cantón, sen ningunha consecuencia para a comunidade educativa; mentres que no outro o incidente consistiu na rotura da verxa que separa os CEIP A Xunqueira Nº 1 e Nº2 por mor da caída dunhas árbores no recinto do primeiro destes centros. Ademais, o CEIP Viñagrande-Deiro, en Vilanova de Arousa sufriu danos na súa cuberta.