O 061-Galicia asistiu a 110 persoas por 74 accidentes de circulación durante a Ponte do Pilar
- Dende as 15:00 horas do venres 9 de outubro ata as 23:59 horas do luns 12 de outubro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 93 chamadas por accidentes de tráfico
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Ponte do Pilar a un total de 110 persoas debido a 74 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do venres, 9 de outubro ata as 23:59 horas do luns, 12 de outubro. O día da Ponte do Pilar que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 27 accidentes.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 93 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 74 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 110 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 54 e 46 por cento respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 41 por cento dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.
Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 33 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 98. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a seis sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 83 ocasións, e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en nove ocasións.
En 94 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 16 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente sen necesitar traslado.