Núñez Feijoó salienta a posta en marcha da construción das instalacións do Campus da Auga que converterán Ourense en centro de referencia científica
Núñez Feijoó salienta a posta en marcha da construción das instalacións do Campus da Auga que converterán Ourense en centro de referencia científica neste eido.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o visto e prace á sinatura dun convenio para facer realidade un investimento superior a 4,5 millóns que permita a construción das instalacións que albergarán o Campus da Auga, no Campus universitario de Ourense.
Deste xeito, e despois de rematado o plan estratéxico e o programa de necesidades funcionais e usos, autorízase a construción efectiva deste campus, que permitirá dar visibilidade á actividade de 49 grupos de investigación formados por 341 investigadores; ademais de converterse na primeira iniciativa de especialización dun campus non central.
Segundo avanzou o titular da Xunta, o edificio contará cunha superficie aproximada de 3.500 metros cadrados.
Destaca que Ourense é a segunda cidade europea en potencial termal- despois de Bucarest-, con máis de catro millóns de litros ao día de auga mineromedicinal.
Resalta que nestes dous últimos anos a Xunta duplicou as 173 subvencións concedidas entre os anos 2006-2008 ata as 311, o que significa destinar un 50% máis de orzamento.
Asegura que estas cifras fan de Galicia “a primeira comunidade autónoma do Estado que está a incrementar os orzamentos para axudas a grupos de investigación dentro do sistema universitario español”