‘Nunca sen almorzo e sempre recreos saudables’, 2.400 escolares de 32 colexios ourensáns participarán na nova edición do programa

2.400 ESCOLARES DE 32 COLEXIOS OURENSÁNS PARTICIPARÁN NA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA “NUNCA SEN ALMORZO E SEMPRE RECREOS SAUDABLES” QUE FOMENTA UNHA ALIMENTACIÓN SAUDABLE E O EXERCICIO FÍSICO

  • A actividade comezou no CEIP do Xurés, no concello de Lobios, coa participación dos seus 56 alumnos
  • A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quixo compartir esta primeira xornada cós rapaces e lembroulles a importancia dunha dieta equilibrada e da actividade física

231115 Lobios almorzo
No CEIP do Xurés, no concello ourensán de Lobios, arrancou esta mañá unha nova edición do programa Nunca sen almorzo e sempre recreos saudables, e xa van cinco, co fin de lograr concienciar ao alumnado da importancia que ten a combinación dunha alimentación saudable coa práctica regular de exercicio físico para lograr o benestar e combater a obesidade infantil.

Esta iniciativa forma parte das actividades de promoción da saúde que organiza en Ourense a Consellería de Sanidade e  que se ofertan aos centros escolares. Este ano, en total, 2.400 alumnos de 32 colexios da provincia, con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos, participarán neste programa que se prolongará ata o mes de maio. Concretamente están apuntados 636 escolares de educación infantil e 1.763 de primaria.

Baixo o título de “Nunca sen almorzo…e sempre recreos saudables” desenvolverase este programa que, ademais do obxectivo de subliñar a importancia que ten o hábito de realizar un almorzo axeitado para a prevención da obesidade, engadirá a necesidade de que os escolares consuman alimentos saudables durante o recreo e tamén aproveiten este tempo para participar nalgunha actividade deportiva ou xogo físico.

Así, a actividade inclúe unha charla teórica dirixida ao alumnado e durante o recreo o consumo  dalgún alimento saudable e a organización de xogos físicos ou competicións deportiva.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, -acompañada polas xefas territoriais de Sanidade e de Educación e Cultura, María Villar e Mercedes Gallego, respectivamente- acudiu ao comezo desta actividade e animou aos 56 escolares que participaron nela a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento. Díaz Mouteira díxolles aos máis pequenos que para render no colexio e ter folgos durante toda a xornada escolar é fundamental almorzar axeitadamente.

Beneficios do almorzo

Unha correcta alimentación -fundamental para conseguir un bo estado de saúde- comeza por un almorzo axeitado. Dende unha perspectiva científica, unha alimentación equilibrada require considerar, tanto a frecuencia no consumo de alimentos dos distintos grupos, coma a súa distribución ao longo do día. Neste sentido, o almorzo constitúe unha das comidas máis importantes do día, especialmente en nenos e adolescentes que son, por outro lado, os que con maior frecuencia sáltanse esta comida. “E moi importante que fagades 5 comidas ao día e que sempre sexan saudables. No recreo tedes que cambiar as lambetadas por algún produto lácteo ou froita”, afirmou a delegada territorial.

Sobrepeso e obesidade

O Informe Anual do Sistema Nacional de Saúde 2013  apunta a que o 18,3 % dos nenos sofren sobrepeso e o 9,6% son obesos, cifras moi similares as que se están observando en Galicia. A Consellería de Sanidade ten en marcha dende o ano pasado o plan galego de prevención da obesidade infantil, Xermola, que pretende reducir a prevalenza de sobrepeso e obesidade que presentan os nosos escolares.

Outros estudos confirman algúns dos factores determinantes do exceso de peso na poboación infantil. A ausencia do hábito de almorzo e o ocio pasivo semellan estar asociados coa presenza de sobrepeso ou obesidade.

231115 Nunca sen Almorzo

También te podría gustar...