Novos proxectos de turismo, cultura e gastronomía en Valdeorras
- A Deputación amplía a súa colaboración cos empresarios de Valdeorras
- Manuel Baltar visitou onte no Barco a sede da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), un colectivo que cualificou como “todo un referente para unha comarca que ten un peso na provincia que ninguén pode discutir”
- Anunciou unha axuda de 50.000 euros para o funcionamento da entidade e a execución de novas iniciativas, máis aló dos ámbitos económico, de formación ou inserción laboral
- A presidenta de AEVA, Araceli Fernández, agradeceu a visita do presidente provincial, nun xesto que “define a sensibilidade da Deputación á hora de identificarse coas asociacións”
- Concentrar todos os recursos turísticos de Valdeorras para a súa promoción, estudar o potencial no sector das producións audiovisuais, a arte ou a arqueoloxía, e unir o enoturismo coa restauración son as novas iniciativas na que traballarán conxuntamente Deputación e AEVA
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse onte no Barco de Valdeorras coa directiva da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), na que ademais de repasar as liñas de cooperación abertas desde hai anos entre a institución provincial e o colectivo de empresarios tamén ampliaron o campo de colaboración, co compromiso de Manuel Baltar para apoiar novos proxectos en materia de turismo, cultura e gastronomía. Na visita á sede de AEVA, o presidente provincial estivo acompañado pola presidenta da asociación, Araceli Fernández, e membros da directiva entre os que se atopaban María del Carmen Rodríguez, Pilar Pérez e Luisa López.
Manuel Baltar, que agradeceu a invitación a visitar a sede empresarial, cualificou á asociación como “todo un referente para unha comarca que ten un peso na provincia que ninguén pode discutir”, de aí o apoio que presta a Deputación, ben directamente ou a través do Inorde, “a unha entidade que se converte no vehículo máis importante que ten a comarca para chegar a calquera punto deste territorio”.
Nesta liña, o presidente provincial anunciou que na modificación de créditos que se presentará no pleno do 30 de setembro, “e no que aprobaremos antes que ninguén en Europa os orzamentos de 2023”, incluirase unha partida de 50.000 euros para gastos de funcionamento da entidade e a execución de proxectos, que máis aló dos ámbitos económico, de formación ou inserción laboral,
ampliarase tamén a cuestións turísticas ou relacionadas coa cultura
Vía de comunicación coas administracións
Araceli Fernández expresou en nome da asociación o agradecemento pola visita de Manuel Baltar, un xesto que “define a sensibilidade da Deputación á hora de identificarse coas asociacións, que realmente cumprimos coa función de facer de vía de comunicación coas administracións”. Para a presidenta de AEVA, ademais das áreas de cooperación xa consolidadas, os novos proxectos constitúen unha oportunidade para poñer en marcha iniciativas “que nos interesan a todos na comarca”.
Manuel Baltar e Araceli Fernández abordaron na reunión desta mañá tres novas liñas de traballo. A primeira suporá concentrar todos os recursos turísticos de Valdeorras e dalos a coñecer non só entre os visitantes, senón tamén entre a propia veciñanza da comarca para que colaboren na súa promoción. Unha idea que se plasmaría nun mapa dixital, no que a Deputación xa está traballando. A segunda área de cooperación refírese á cultura, estudando o potencial de Valdeorras no sector das producións audiovisuais, así como a arte ou a arqueoloxía. Un terceiro proxecto, denominado “maridanza”, tería como obxectivo unir o enoturismo coa restauración, de tal xeito que os principais pratos da comarca mariden cos viños da terra.