Novos cursos para desempregados na provincia de Lugo
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou hoxe que arredor de 500 persoas desempregadas do concello de Lugo participaron nos cursos de formación para o emprego que financia a Consellería de Traballo e Benestar.
A delegada realizou estas declaracións no acto de entrega de diplomas aos 23 alumnos e alumnas que remataron sendos cursos sobre atención sociosanitaria a persoas no domicilio e xestión de emprego, promovidos polo concello de Lugo e sufragados con 78.954 euros pola Xunta de Galicia.
Arias afirmou que o municipio da capital acolleu 31 cursos e recibiu da Xunta un investimento global de máis de 789.000 euros en accións formativas para desempregados durante os últimos meses. Deste montante, máis de 417.000 corresponden a dous obradoiros de emprego –o último deles remata este mes- e 371.000 a trece cursos financiados pola consellería e organizados polo concello, sindicatos, asociacións empresariais e outras entidades.
Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar promoveu outros trece cursos no Centro de Formación Profesional Ocupacional de Lugo, que xestiona directamente, e cinco máis no CIFP As Mercedes e no Politécnico mediante un convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A delegada informou de que no conxunto da provincia impartíronse 140 cursos, nos que participaron preto de 2.100 persoas e que implicaron un investimento de 7,5 millóns de euros.
Raquel Arias explicou que o esforzo inversor que supoñen estas accións “xustifícase porque investir en formación é investir e asegurar o futuro” xa que “reciclarse, ampliar ou diversificar a formación é unha prioridade para poder reorientar a traxectoria profesional e acadar un posto de traballo de calidade”.
No acto, no que tamén estivo presente o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, a delegada apuntou que estes cursos pretenden “dotar aos participantes da cualificación e das habilidades que requiren os novos viveiros de emprego”.