Novo sistema de control do abastecemento de auga en Bóveda

  • O Concello de Bóveda implanta un novo sistema de control do abastecemento de auga que favorecerá un aforro do consumo para os veciños e veciñas
  • Os novos contadores xa empezaron a instalarse nas vivendas
  • O Goberno local destina a este proxecto 126.131,05 euros ao abeiro do Plan de Cooperación cos Concellos

 

O Concello de Bóveda comezou a implantación dun sistema de control e telemedida na instalación de abastecemento municipal de auga que vai favorecer un aforro do consumo para os veciños e veciñas ao posibilitar un control preciso das instalacións e a lectura dos contadores sen ter que ir fisicamente velos cada tres meses.

O proxecto vai mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de abastecemento coa instalacións de contadores de tecnoloxía moderna, logrando un maior control da instalación, un maior aforro no consumo de auga, unha mellora ambiental mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera ao consumir enerxía no bombeo, así como un aforro económico importante.

O proxecto foi adxudicado á empresa Ime Rodríguez S.L. por importe de 126.131,05 euros ao abeiro do Plan Único de Cooperación cos Concellos do ano 2021.

Vantaxes dos novos contadores

Este novo sistema permite levar a cabo a modernización e o aumento da eficiencia enerxética e da utilización dos recursos das instalacións de abastecemento de auga potable de titularidade municipal. Un dos grandes beneficios é que a instalación de telemedida permite non ter que tomar datos manualmente de cada contador cada tres meses.

As vantaxes deste sistema son importantes:

-Telemedida dos consumos, con descarga de datos periodicamente segundo o criterio do titular e coa periodicidade que se desexe.

-Detección de avarías e problemas ao dispor de un sistema de comunicación que permite alarmas e avisos

-Redución do consumo de auga potable por varios motivos:

Control da instalación coa posible instalación de contadores parciais que permita a detección de consumos excesivos ou non localizados.

Detección de avarías en tempos moi reducidos o que evita que se desperdicie auga por non ter detectada a avaría durante un longo período de tempo

Polo tanto, a solución que se propón permite mellorar o sistema de control das instalacións, o que conleva unha redución substancial do consumo de auga (redución dun recurso natural e dos consumos asociados, consumo enerxético e consumo de produtos químicos, redución das necesidades de mantemento das instalacións redución do desgaste das instalacións, …). Ademais, a redución do consumo de auga permite mellorar a calidade da mesma ao ter que tratar caudais menores.

También te podría gustar...