Novo reparto gratuíto de mascarillas en Monforte

  • José Tomé Roca, ven de comunicar este novo reparto gratuíto de mascarillas de protección ante a Covid-19 a todos os cidadáns censados no Concello de Monforte, tanto adultos como nenos e nenas
  • O Concello destina para este material sanitario un investimento de aproximadamente 50.000 euros, que se suman ás inversións destinadas polo Concello a paliar os efectos da Covid-19, que dende o inicio da pandemia en 2019, superan os 2,4 M€
  • Este novo reparto masivo terá lugar no Edificio Multiusos entre o vindeiro luns 10 e o venres 14 de xaneiro, ambos incluídos, en horario de 9:00 a 14:30 horas
  • Para elo, a persoa que faga a recollida deberá presentar o seu DNI ou a autorización correspondente que lle permita facer retirar as mascarillas que lles correspondan. Neste senso, un membro da unidade familiar pode levarse todas as mascarillas que lle correspondan á súa unidade de convivencia, asinando o correspondente “recibí”
  • Destinarase 10 mascarillas por persoa para o reparto a todos os cidadáns censados en Monforte, o que supón de novo a maior cantidade repartida por persoa, por unha administración pública
  • No caso das residencias de maiores, destinaranse unhas 4.000 unidades e será o persoal do Concello que as achegue a cada centro, para ser repartidas polos responsables do mesmo ós seus internos
  • Con este novo reparto, o Equipo de Goberno de Monforte destinou dende o inicio da pandemia entre a súa poboación máis de 635.000 mascarillas para paliar os efectos do Coronavirus, polo que o Concello segue axudando de forma continuada ós seus veciños e veciñas, na protección da súa saúde ante a pandemia
  • José Tomé, concluíu anunciando “que imos comprar outro lote de 200.000 mascarillas, por si fixera falta facer un novo reparto en función de como evolucione a pandemia”

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a posta en marcha do operativo mediante o cal se levará a cabo dende o Concello un novo reparto masivo de mascarillas a todos os cidadáns censados en Monforte, no que se inclúen tanto adultos como nenos e nenas.

O reparto que dará comezo o vindeiro luns 10 de xaneiro e poñeranse a disposición dos monfortinos un total de 190.000 unidades de mascarillas, tanto para adultos como infantís, co obxectivo de facilitar ós veciños medidas de prevención e contención ante o Covid-19.

O Alcalde destaca que “dende o Equipo de Goberno do Concello somos conscientes que novamente é necesario que axudemos a protexerse ós nosos cidadáns ante a incidencia do Covid-19 e da súa variante Omicrom, e para elo organizamos o que é o cuarto reparto masivo a poboación monfortina de mascarillas, que desenvolveremos dende o Edificio Multiusos a próxima semana”.

En concreto, o Concello destina 10 unidades de mascarillas por persoa, que “é a maior cantidade repartida por persoa, por unha administración pública, tanto local coma autonómica, cun total de 190.000 unidades de mascarillas, destinadas a todos veciños e veciñas censados en Monforte”, destacou o Alcalde.

Estas 190.000 mascarillas engádense ás 260.000 mascarillas repartidas dende o Concello no ano 2021. No ano 2020, o Concello repartiu 150.000 mascarillas entre todos os cidadáns monfortinos, destinou 23.000 unidades a alumnos de todos os centros educativos e 12.000 distribuíronse entre os comerciantes e hostaleiros da cidade.

O Alcalde subliñou que “con este novo reparto que poremos en marcha a partir do vindeiro luns, o Concello de Monforte destinou para a súa poboación, dende o inicio da pandemia da Covid-19, máis de 635.000 mascarillas, unha cifra que creo que poucas administracións poden igualar, proporcionalmente falando. Dende o Equipo de Goberno mantemos así o noso compromiso de seguir axudando de forma continuada ós nosos veciños e veciñas, mentres dure esta crises sanitaria”.

José Tomé, concluíu anunciando

que imos comprar outro lote de 200.000 mascarillas, por si fixera falta facer un novo reparto en función de como evolucione a pandemia.

 

Recollida no Edificio Multiusos

As mascarillas poderán ser recollidas por todos os cidadáns censados en Monforte dende o vindeiro luns 10 e ata o venres 14 de xaneiro no Edificio Multiusos  (ronda María Emilia Casas Baamonde), en horario de 9:00 a 14.30 horas.

Esta recollida poderá ser levada a cabo por un membro da unidade familiar, que deberá presentar o seu DNI, e poderá recoller o resto de mascarillas correspondentes ós membros da súa unidade familiar, asinando o correspondente “recibí”. Do mesmo xeito, poderanse recoller mascarillas correspondentes a outras persoas sempre que presente a correspondente autorización asinada.

Deste xeito, o persoal do Concello encargado do reparto farao a través de 2 mesas, seguindo as listaxes correspondentes establecidas por domicilios e rúas. Para saber en que mesa ten que recoller cada persoa as súas mascarillas, á entrada do Edificio Multiusos colocaranse estes listados nos que virán indicados en que mesa se atopa cada domicilio no que estea censada cada persoa.

O Alcalde subliña que “recomendamos ós nosos cidadáns que non acudan o primeiro día masivamente a recollelas, a fin de evitar aglomeracións. Cremos que hai tempo suficiente para recollelas ó longo de toda a semana e, se fose necesario, poderíamos ampliar os días para a súa recollida, ben sexa no Multiusos ou no propio Concello, como xa fixemos outras veces”. 

Residencias de maiores

No caso das residencias de maiores, como son o a Residencia da Terceira Idade do Malecón, o Asilo de Anciáns Fogar de San José, a Residencia DomusVi, a Residencia de Anciáns Asimédica, así como o centro con internos de Prodeme, será o persoal do Concello o que achegue as mascarillas correspondentes a cada centro, para ser repartidas polos responsables do mesmo ós seus internos.

Neste senso, para estes centros estímase que se destinen máis de 4.000 unidades de mascarillas para facer efectivo o reparto nos mencionados centros.

Actuacións para paliar os efectos da Covid-19

Dende o inicio da pandemia en 2019, o Concello de Monforte levou a cabo multitude de iniciativas e actuacións para paliar os efectos da pandemia.

Os Plans Reactiva Monforte (I e II) repartiron axudas entre empresas, autónomos e traballadores. Co Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte o Concello axudou a 4.282 familias repartindo 10.811 bonos axuda. Durante o Nadal de 2020, destináronse axudas ó comercio e á hostalería monfortinos e en 2021 eximiuse ós hostaleiros do pago das taxas das terrazas.

Ademais, dende o Equipo de Goberno, eximiuse a empresas e particulares do pago de impostos, durante o estado de alarma da crise do Coronavirus, aprazouse pago de todo tipo de impostos municipais, establecendo un novo período voluntario do pago da taxa do lixo e do imposto de vehículos de tracción mecánica.

Do mesmo xeito bonificouse, durante o estado de alarma, ata o 95% das taxas dos taxis e dos postos da Praza de Abastos, tamén, suspendéronse os pagos por alugueiro dos Quioscos, da Tapería do Centro do Viño, das cafeterías do Centro Cívico e do campo municipal de fútbol Luís Bodegas.

A todo isto, engádese o reparto de máis de 635.000 mascarillas para paliar os efectos do Covid-19, incluíndo as 190.000 que comerzarán a repartirse dende o vindeiro luns.

En total, o Concello leva investido máis de 2,4 millóns de euros en todo tipo de axudas e accións, así como  adquisición de material sanitario para mitigar os efectos do Coronavirus.

También te podría gustar...