Novas melloras no saneamento de Monforte
- O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, asinaron hoxe un Convenio fundamental para seguir avanzando na mellora da rede de saneamento do Concello e que suporá unha inversión de 2,4 millóns de euros
- “Este convenio vai permitir dentro duns meses, cando se licite e adxudique o proxecto, a renovación total ou parcial dos colectores da rúa Morín, da rúa Xoan Montes, da rúa Valle-Inclán despois da vía do tren, do Barrio das Cruces na parte que descorre xunto ó Regato das Malloadas, e inclúe tamén a supresión do aliviadero do Parque dos Condes así como un estudo integral do saneamento de Monforte, co fin de avaliar cales son os problemas de saneamento da cidade”, sinalou o Alcalde
- O Alcalde destacou que “a actuación máis sensible para todos os monfortinos será a supresión do aliviadero do Parque dos Condes, xa que solventará un problema medioambiental, evitando que haxa máis vertidos ó río Cabe”
- Tanto o Alcalde como o Presidente da CHMS manifestaron o seu compromiso de seguir colaborando para continuar mellorando a calidade da depuración, e polo tanto tamén, a calidade das augas do Río Cabe
Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, asinaron un importante convenio de colaboración para seguir coa mellora da rede de saneamento de Monforte así como para levar a cabo un estudo integral da mesma, a fin de detectar todos os problemas da rede de colectores do municipio.
Tras levarse a cabo o acto de sinatura ante os medios de comunicación deste convenio por parte dos representantes destas dúas entidades, o Alcalde informou na súa intervención sobre os pormenores deste convenio de colaboración, que suporá unha inversión de 2,4 millóns de euros, dos cales o Concello aportará 480.000 euros e a Confederación Hidrográfica 1.920.000 euros.
O Alcalde sinalou que “dende que cheguei á Alcaldía no ano 2015, unha das preocupacións do Goberno municipal foi ir mellorando o saneamento da nosa cidade, que ven padecendo unhas carencias dende fai anos, sen que se asumiran a realización de obras de mellora de xeito continuado para darlle unha solución integral ós problemas do saneamento de Monforte”.
Neste senso, continuou o rexedor municipal, “son xa moitas as actuacións que se levaron a cabo, tanto directamente polo Concello como conveniadas con outras administracións, salvo a Xunta de Galicia, que non quixo participar nos convenios que viñemos asinando coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, tanto co anterior Presidente, como co Presidente actual. Hai que dicir que a Xunta de Galicia solo participou na depuradora do Porto Seco cando a súa obriga era acometela integramente con cargo á Xunta”.
Folla de ruta para mellorar o saneamento de Monforte
O Concello de Monforte, en colaboración coa Deputación de Lugo e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, conta cunha folla de ruta para mellorar o saneamento de Monforte, dándolle unha solución integral por fases, como por exemplo, a que neste intre se está executando coas obras do primeiro convenio que foi asinado entre ambas entidades, por 1,4 millóns de euros.
Deste xeito, o acto de sinatura deste convenio “dalle hoxe oficialidade ó protocolo asinado entre o Concello e a CHMS o pasado día 15 de maio, e supón o segundo convenio deste tipo que se asina entre ambas entidades para mellorar o problema do saneamento de Monforte”, sinalou o rexedor municipal.
Neste senso, o Alcalde agradeceu ó Presidente da CHMS “a sensibilidade que ten para atender as demandas que eu como Alcalde lle fixen dende o Concello, co obxectivo de ir dando os pasos na solución dun problema crónico que padece a cidade de Monforte”.
Este convenio vai permitir, dentro duns meses cando se licite e adxudique o proxecto, a renovación total ou parcial dos colectores da rúa Morín, da rúa Xoan Montes, da rúa Valle-Inclán despois da vía do tren, no Barrio das Cruces na parte que descorre xunto ó Regato das Malloadas, e inclúe tamén a supresión do aliviadero do Parque dos Condes, así como un estudo integral do saneamento de Monforte, co fin de avaliar cales son os problemas de saneamento da cidade.
Trátase de melloras moi importantes na rede de saneamento de Monforte que na actualidade están causando problemas coa filtración de gran cantidade de auga limpa, que entra na rede de saneamento e dificulta o funcionamento da Depuradora.
“Pero quizais” indicou o Alcalde, “a actuación máis sensible para todos os monfortinos será a supresión do aliviadero do Parque dos Condes, que cando hai moita choiva ou en época de tormentas, soe aliviar ó río Cabe, e unha vez realizado este proxecto, o aliviadero desaparecería e xa non sería un problema medioambiental, porque xa non haberá vertidos ó río Cabe. Deste xeito, o río Cabe vai gañar moito en calidade ambiental e en limpeza das súas augas”.
O Alcalde concluíu as súas declaracións sinalando que “temos o compromiso, tanto polo Concello como pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de seguir colaborando para seguir mellorando a calidade da depuración, e polo tanto tamén, a calidade das augas do Río Cabe”.
José Antonio Quiroga salientou na súa intervención que “hoxe ratificamos o compromiso adquirido entre ambas entidades cando asinamos o protocolo de colaboración no pasado mes de maio e que se traduce neste convenio de 2,4 millóns de euros, cuxo obxectivo é mellorar a calidade das masas de auga de Monforte”.
En concreto, o Presidente da CHMS destacou os dous aspectos diferenciados deste convenio: dunha banda, o estudo de toda a rede de colectores de Monforte para detallar cales son os problemas da mesma; e doutra banda, as melloras sinaladas anteriormente polo Alcalde e que supoñen unha segunda fase nas actuacións sobre os colectores de Monforte (a primeira fase é a das obras que se están a levar a cabo actualmente na rúa Chantada e circundantes).
Finalmente o Presidente da CHMS comprometeuse, unha vez estea rematado o estudo integral, que se prevé para finais de 2021 e se coñezan todos os problemas da rede de saneamento, a seguir establecendo convenios co Concello de Monforte e a por así en marcha novas fases de actuación co obxectivo de rematar coa problemática desta rede de saneamento.