Nova York, lugar da presentación mundial do novo traballo de Víctor Prieto

  • Víctor Prieto realizará en Nova York a presentación mundial do seu novo traballo, co apoio da Deputación
  • Manuel Baltar confirmou a colaboración do goberno provincial con este proxecto «dun ourensán comprometido coa súa terra e un dos músicos máis destacados e innovadores no ámbito do jazz na actualidade»

0 0 MB e VP f16

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entrevistouse onte, na súa última xornada de viaxe en Estados Unidos, co músico ourensán Víctor Prieto, un dos máis destacados intérpretes de acordeón, que está a desenvolver a súa carreira profesional en Nova York. Na reunión o presidente do goberno provincial confirmoulle ao músico o apoio da Deputación de Ourense para realizar a presentación mundial do que será o novo traballo discográfico de Víctor Prieto, «The Three Voices», que terá lugar o vindeiro 21 de xuño no Symphony Space de Nova York.

Baltar e Prieto xa analizaran este proxecto na reunión que mantiveron hai meses no Pazo Provincial ourensán con motivo da visita que o acordeonista realizou a Ourense para actuar na gala de entrega do premio Ourensanía 2015 a Mariluz Barreiros, que se celebrou no Teatro Principal de Ourense.

Manuel Baltar afirma que Víctor Prieto «é un referente actual do jazz, con demostrada creatividade e talento musicais, ademais de amosar sempre o seu compromiso con Ourense, como se pon de manifesto na máster class de acordeón que organiza na súa localidade natal de Mugares (Toén) con participantes internacionais», un evento que o vindeiro ano contará co apoio da Deputación de Ourense para realizar, ademais da actividade formativa, un concerto.

Precisamente ese compromiso e a defensa da ourensanía que o músico fai aló por onde vai fixo, naquel encontro, que Manuel Baltar o convidase a asinar Libro de Honra da Deputación, «porque o goberno provincial está ao carón das persoas que levan o nome de Ourense polo mundo adiante, desenvolvendo actividades destacadas, como é este caso, no ámbito da creatividade cultural e musical», expresou Manuel Baltar.

Víctor Prieto (Ourense, 1975), ten revolucionado coa súa maneira de compoñer e interpretar música ao acordeón, segundo a crítica, investigando e creando novos sonos e técnicas para este instrumento. A súa música abrangue diferentes tendencias que mesturan jazz, tango, música clásica e raíces celtas. El é o creador dunha nova técnica para o acordeón denominada «aproximación de acorde en ambas mans», a cal crea harmonías non interpretadas anteriormente.

Desenvolve unha intensa labor docente e clases maxistrais en diferentes institucións musicais de Estados Unidos e Europa. Entre os premios acadados figuran un Grammy pola súa colaboración con Yo-Yo Ma Songs on Joy and Peace; o Sonny BMG 2010, e unha nominación aos Grammy en 2014 por «Mellor álbum de jazz». Ademais, obtivo o primeiro premio Citta de Castelfidardo (Italia); o 1º Premio en Composición outorgado pola revista arxentina CMZ’s, e foi recoñecido como «Artista Creativo» da Asociación Española de Intérpretes.

También te podría gustar...