Nova Tarxeta-Bono Cultura Galega. Por 33 euros, 50 € en produtos culturais galegos

A Tarxeta-Bono Cultura Galega poderá empregarse a partir do sábado en establecementos de toda Galicia.

  • Vai dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, e o seu prazo de vixencia remata o 10 de decembro
  • Cada tarxeta terá un custo de 33 euros, e con ela poderanse adquirir produtos culturais por valor de 50
  • O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, subliñou que se trata dunha iniciativa pioneira e innovadora cuxo obxectivo é promover o consumo cultural galego e en galego entre a mocidade

logo_definitivo_encarnadoA partir do vindeiro sábado, día 10, xa se poderá adquirir a Tarxeta-Bono Cultura Galega, un programa dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos co que se poderán mercar libros en galego e entradas de espectáculos de artes escénicas de empresas galegas, tal como anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

O prezo da tarxeta para o usuario será de 33 euros, e con ela poderán realizarse compras por valor de ata 50 euros durante un prazo de dous meses (ata o 10 de decembro). Por tanto, a diferenza de 17 euros será achegada como incentivo ao consumo cultural por parte da Xunta de Galicia.

Ademais os establecementos adheridos que se dediquen á venda de libros farán un desconto adicional do 10% no prezo do que se compre con cargo a este bono, compatible con outros descontos ou ofertas. De acordo co devandito desconto, cunha destas tarxetas poderase ter acceso a comprar, por exemplo, 2 libros que custen 20 euros cada un e a un terceiro que custe 15 euros.

A tramitación da tarxeta-bono, así como a xestión das entradas aos espectáculos que con ela se merquen será desenvolvida por Afundación. As instrucións de funcionamento poden consultarse no web www.tarxetabonoculturagalega.gal.

Con esta iniciativa da Xunta de Galicia vanse mobilizar en torno a 300.000 euros no sector editorial e das artes escénicas, cunha política directa de estímulo do consumo cultural entre os máis novos.

Segundo explicou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, trátase dunha iniciativa pioneira e innovadora cuxo obxectivo fundamental é promover o consumo cultural galego e en galego entre o público máis novo, ao tempo que se dinamiza a cultura do libro e das artes escénicas.

Así mesmo, Román Rodríguez agradeceu a implicación dos establecementos, institucións e administracións adheridas a este proxecto, e cuxa relación poderá consultarse no DOG deste venres.

No acto de presentación da tarxeta-bono participaron, ademais do conselleiro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a presidenta da Federación de Librarías, Pilar Rodríguez; a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel; e o xerente de Afundación, Pedro Otero.

También te podría gustar...