Nova edición das Catas dos Queixos e dos Meles de Galicia
- Mañá arranca unha nova edición das Catas dos Queixos e dos Meles de Galicia no Centro Superior de Hostalería
- Estes certames están organizados pola Consellería do Medio Rural en colaboración cos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas
Este ano participan un total de 66 mostras de queixos e 29 de meles - Un total de 19 catadores expertos en análise sensorial serán os encargados de seleccionar as mostras gañadoras
Mañá arranca no Centro Superior de Hostalería de Galicia, en Santiago, a XIX Cata dos Queixos e a XV Cata dos Meles de Galicia cun total de 66 e 29 mostras respectivamente. Estes certames están organizados pola Consellería do Medio Rural en colaboración cos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas.
Na Cata dos Queixos participan un total de 66 mostras, das que 27 corresponden á Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa (18 de queixo fresco e 9 de queixo curado), outras 24 á DOP Queixo Tetilla, 10 á DOP San Simón da Costa e 5 á DOP Cebreiro.
Por outra banda, na Cata dos Meles concursan este ano un total de 29 mostras, das cales 17 correspóndense á categoría de multiflorais e 12 á de monoflorais. Ao igual que en convocatorias anteriores, o mel presentado a concurso debe pertencer á colleita dese mesmo ano, é dicir, do 2016, e estar previamente certificado e sometido aos controis do Consello Regulador.
O panel de catadores está composto por expertos en análise sensorial como o persoal do Panel de Cata dos Queixos de Galicia, mestres de hostalería, recoñecidos escritores expertos en gastronomía como Xosé Manuel García, director do programa “Come e Fala” da Radio Galega; bloggeiros como Alfonso López Alonso, de “Cocina de Rechupete”; cociñeiros de recoñecido prestixio, como os chefs dos restaurantes Casa Solla, Pepe Solla, e A Quinta da Auga, Federico López Arcay, e outros colaboradores.
As catas comezarán este luns pola tarde coa selección dos queixos das DOP Arzúa-Ulloa e Queixo Tetilla e coa cata final dos queixos o martes pola mañá. Ese mesmo día avaliaranse as mostras de meles, tanto as monoflorais como as multiflorais.