Nota de Prensa Emigrantes Retornados trala concentración de hoxe diante de Fanceda no Barco
Arredor duns cincuenta emigrantes retornados volveron concentrarse diante de Facenda no Barco para demandar solucións aos seus problemas, nunha concentración convocada pola Plataforma de Valdeorras. Mañá venres, 5 de decembro, asistirán á manifestación que se celebrará en Ourense.
Hoxe ás 11h concentrouse a plataforma de emigrantes retornados de Valdeorras fronte a delegación de Hacienda da comarca de Valdeorras.
Os emigrantes retornados que hoxe asistiron á concentración, ao redor 50 persoas, farán valer os seus dereitos e rexeitan o que consideran «a legalización de un roubo».
Mañá terá lugar unha manifestación en Ourense e para a cal un autobús se desplazará dende a Comarca de Valdeorras e esperan poder asistir ao redor de trinta persoas das diferentes localidades do oriente ourensán.
Despois do éxito acadado na manifestación de Santiago e ante a pasividade do goberno do Partido Popular á hora de velar pola igualdade de trato, os emigrantes da comarca non nos rendemos e seguimos a mobilizarnos.
Non calamos e non calaremos e non renunciamos a facer todo o que estea da nosa man.
Dende a Plataforma de Emigrantes Retornados de Valdeorras apoiamos todas as mobilizacións que están a levar todos os colectivos de emigrantes do estado, pero consideramos insuficiente que soamente se solicite a devolución das multas, porque nós imos un paso máis alá. Queremos deixar de ter a consideración de dous pagadores, porque o que recibimos é unha parte da nosa pensión de outro país, que é da mesma comunidade económica, no cal xa pagamos os nosos impostos. Parécenos unha tomadura de pelo que se fale de integración europea, namentres que pola outra banda, tratan as pensións que recibimos de paises europeos coma se fosen ingresos que recibimos de un paraíso fiscal.
As Sicav, o diñeiro negro, a evasión de impostos de grandes fortunas e grandes empresas, a “anmistía fiscal”, todos estes se benefician de un trato fiscal de favor e dunha escasa presión da facenda, namentres os traballadores emigrados estamos a pagar o que eles non pagan. Ademais que tal como indican e denuncian os propios inspectores, a maior parte do fraude fiscal ven da man dos que máis teñen, nós non somos defraudadores, nós non somos ladróns, somos traballadores que nin fomos informados nin avisados de que tiñamos que pagar nin declarar.
A sociedade debe de ser consciente que as clases traballadoras estamos a padecer e pagar a crise, que nin creamos nin foi responsabilidade nosa.
Esiximos a devolución de oficio das multas e dos intereses de demora, esiximos un trato igualitario, esiximos os mesmos tramos á hora de ter que facer as declaracións, queremos pagar o mesmo que calquera outro cidadán que reciba unha pensión, nin máis nin menos.
Estamos fartas e fartos de ser cidadáns de segunda clase, fartas de emigrar para logo ser roubados, polo que convidamos a que todo aquel que se atope nesta situación a que se poña en contacto coa plataforma, que asista aos actos para facer valer os seus dereitos.