Nenos prematuros, o CHUO aposta por mellorar a coordinación coas familias
O CHUO potencia a coordinación coas familias de nenos prematuros para mellorar a continuidade dos séus coidados.
- A sinatura dun convenio entre a Xerencia de Xestión Integrada e AGAPREM, Asociación Galega de Familias de Nenos Prematuros, permitirá incrementar a relación de apoio e coordinación entre o Servizo de Pediatría e as familias
- Terán a súa disposición unha sala no E. Materno Infantil para asesoramento, información e apoio ás familias, promovendo actividades de formación
Coincidindo coa conmemoración, o vindeiro luns, do Día Mundial do Neno Prematuro, a responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Eloína Núñez, e a presidenta da Asociación Galega de Familias de Nenos Prematuros (AGAPREM), Lorena Hermida, asinaron hoxe un convenio de colaboración, que permitirá potenciar a coordinación de actividades de formación, apoio e información das familias de nenos prematuros de Ourense.
Este convenio, promovido desde o Servizo de Pediatría, permitirá establecer canles de colaboración no coidado dos nenos, non só durante seu ingreso, senón tamén potenciar os vínculos e formación das familias, concienciandoas e informándolles das necesidades de atención durante súa infancia e adolescencia.
Para impulsar estas actividades, o CHUO cédelle o uso a AGAPREM dunha sala de reunións no Servizo de Pediatría, na segunda planta do Edificio Materno Infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, desde onde desenvolverán servizos de apoio e asesoramento as familias, dándolles soporte e consello.
Nesta mesma sala, AGAPREM e o Servizo de Pediatría organizan, o próximo martes 17 ás 12.00 h., coincidindo coa semana do Neno Prematuro, unha charla sobre ás características e complicacións mais habituais da prematuridade, destinada ás familias, que será impartida por Nieves Balado, xefa do Servizo de Pediatría.
Ademais desta actividade, en principio, o uso desta sala será de dous días por semana, os xoves de 16 a 19.00 horas, e os sábados pola mañá de 10 a 13.00 h., período que se incrementará en función da demanda.
Importante papel das familias nos coidados
No acto de sinatura, Eloína Núñez destacou a importancia de dar unha maior utilidade ás instalacións públicas, atendendo ao interese social deste tema, e a necesidade de establecer pontes entre as familias e os profesionais sanitarios implicados no seu coidado, promovendo a colaboración mutua no obxectivo común de mellorar o coidado e benestar dos nenos.
Pola súa banda, a responsable do Servizo de Pediatría, Nieves Balado, destacou o incremento da prematuridade ao longo dos últimos anos, derivado de múltiples causas, sen que a data se podan previr, polo que o esforzo nos coidados é clave.
Asi, destacou que, segundo un recente estudio da Organización Mundial da Saúde de 2010, as claves son a mellora dos coidados neonatais e a colaboración das familias, que teñen un papel primordial no seus coidados. Este é precisamente o obxectivo do Servizo de Pediatría con esta iniciativa.
1.399 nacementos prematuros nos últimos 10 anos
Nos últimos 10 anos, entre 2004 e 2014, segundo os datos da Unidade de Neonatoloxía do CHUO, en Ourense naceron 1.399 nenos prematuros, é dicir, cun período de xestación inferior ás 37 semanas. No que constitúe un problema de saúde pública sobre o que preciso concienciar e contar co apoio das familias,
Asemade, a doutora Balado, destacou que os coidados asistenciais dos nenos prematuros non só se reducen ao período de ingreso, senón que se prolongan ao longo da súa infancia e adolescencia, o que establece un forte vínculo entre eles e as súas familias e os profesionais do Servizo de Pediatría.
Os últimos avances médicos, no eido obstétrico e neonatal, fan cada día mais viable a supervivencia dos nenos prematuros, con menor tempo de xestación, pero tamén marca novos retos para superar as dificultades derivadas das complicacións. Ainda que estas tan só son graves no 1,5% dos nenos, todos precisan dun cuidado e unha atención especial.
A presidenta de AGAPREM, Lorena Hermida, destacou a implantación en Ourense desta asociación, que ata o momento só tiña presencia en Santiago, e agradeceu o esforzo do Servizo de Pediatría de Ourense para promover o papel dos pais e que se involucren tanto coas familias. Lembrou o que o nacemento dun neno prematuro é un proceso moi estresante para as familias, cun compoñente emocional, de incertezas e medos, nos que o apoio e a formación son clave.