Nava Castro salienta o éxito do programa de trens turísticos ‘Galicia a todo tren’ na inauguración da Ruta dos viños de Monterrei

SONY DSC

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou o sábado na viaxe inaugural do Tren turístico da Ruta dos viños de Monterrei e salientou o éxito deste programa posto en marcha en 2013 baixo a denominación ‘Galicia a todo tren’, que o ano pasado logrou unha ocupación do 82% e en 2015 ampliou a súa capacidade ata chegar ás 2.524 prazas, 74 máis que na edición anterior.

Nava Castro lembrou que este programa está promovido por Turismo de Galicia en colaboración con RENFE e o INORDE, e inclúe sete itinerarios relativos ás rutas dos faros, dos pazos e xardíns históricos, dos viños de Monterrei, dos viños da Ribeira Sacra, dos viños das Rías Baixas, dos viños do Ribeiro-Rías Baixas e dos viños de Valdeorras-Ribeira Sacra.

En 2015, manifestou Nava Castro, “melloramos os itinerarios e desenvolvemos novos proxectos que amplían a oferta turística de Galicia e fomentan o desenvolvemento sostible do sector turístico galego”.

Cada unha das rutas pódese realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, o programa ofrece servizo de guía especializado durante todo o percorrido, traslados complementarios en autocar, entradas a todos os puntos de interese e outras actividades.

Tren do Viño de Monterrei
A directora de Turismo de Galicia fixo un repaso polo percorrido do tren da Ruta do Viño de Monterrei, lembrando que circula entre as estacións de Ourense e A Mezquita-Vilavella con traslados ao Castelo de Monterrei e ao túnel dos viños da Denominación de Orixe Monterrei, onde se celebra unha cata comentada.

Ademais, realízase unha visita a unha adega desta denominación de orixe protexida e visítanse as vilas de Verín e Allariz.

O itinerario continúa con visitas a Xunqueira de Ambía e a Baños de Molgas, onde antes de regresar a Ourense, os viaxeiros visitan o museo Moncho Borrajo.

También te podría gustar...