Nava Castro percorre a ruta do tren turístico da Ruta do Viño de Galicia do Ribeiro-Rías Baixas
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, realizou hoxe o percorrido do tren turístico da Ruta do Viño de O Ribeiro-Rías Baixas, un dos sete percorridos que oferta Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe, no marco do programa ‘Galicia a todo tren’.
O tren da Ruta do Viño do Ribeiro-Rías Baixas partiu da estación de Ourense para achegarse a Arbo, onde os viaxeiros visitaron unha adega e o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea de Arbo.
Máis tarde, a directora de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Ourense, xunto ao resto de viaxeiros, participaron na visita ao Túnel do Viño da Denominación de Orixe do Ribeiro, na vila de Ribadavia.
Pola tarde, os viaxeiros trasladáronse ao mosteiro de San Clodio de Leiro, ao castro de San Cibrao de Las e visitaron a estación de Santa Cruz de Arrabaldo e o seu museo que acolle distintas coleccións. De aquí o tren partiu cara a estación de Ourense, onde rematou a viaxe.
A directora de Turismo de Galicia resaltou que esta combinación entre a enoloxía e o coñecemento dos principais recursos turísticos das zonas vitivinícolas de Galicia a través desta experiencia turística singular está a acadar un gran éxito.
Nava Castro resaltou que para este 2015 melloráronse estes itinerarios e incluíronse novos proxectos ao programa que amplían a oferta turística de Galicia e fomentan o desenvolvemento sostible do sector turístico galego. “Un programa moi completo que permite descubrir a nosa Comunidade dun xeito distinto e que incrementa a competitividade de Galicia como destino turístico”, afirmou.