Nava Castro participa no IX Encontro internacional sobre auga e termalismo que se celebra en Arxentina dentro da programación de Termatalia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a súa intervención Foto: Xunta

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a súa intervención Foto: Xunta

 

A cidade arxentina de Termas de Río Hondo acollerá, desde hoxe xoves 2 de outubro ata o sábado 4, a décimo cuarta edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo de Saúde e Benestar organizada por Expourense. Ata alí desprazouse a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, para participar nas diferentes actividades previstas neste certame feiral.

Adiantándose un día e de xeito paralelo, dentro de Termatalia 2014, celebrouse o IX Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo que contou coa participación de 80 expertos procedentes de 19 países que analizaron o sector dende unha perspectiva multidisciplinar.

Esta novena edición do encontro sobre auga e termalismo arrincou cunha xornada dedicada a Turismo, Innovación e Xestión na que a directora de Turismo de Galicia participou nunha mesa redonda sobre o posicionamento e a competitividade turística a partir do termalismo. Nava Castro destacou que a auga mineiro-medicinal e termal é un recurso endóxeno que favorece o desenvolvemento rural e reequilibrio territorial de Galicia. “É un elemento desestacionalizador que non se encontra en todos os territorios, polo que non todo o mundo o pode utilizar”, explicou a directora de Turismo.

Nava Castro afirmou que “estamos a asistir ao rexurdimento da cultura da auga e na nosa comunidade podemos presumir de ter centros termais modernos, con instalacións renovadas e cun persoal cualificado que goza de gran prestixio”. Neste senso, engadiu “Galicia é líder en balnearios certificados coa Q de Calidade, en total 8 dos 36 balnearios de España con esta distinción encóntranse en Galicia”.

A directora de Turismo de Galicia falou do Plan Integral de Turismo de Galicia onde se trata o termalismo como unha das grandes fortalezas de Galicia como destino e, a raíz do cal, deseñouse un plan específico para o termalismo da comunidade que ten por obxecto fortalecer o sector turístico termal da provincia de Ourense e a consolidación e posicionamento de Galicia como destino termal global.

Nava Castro sinalou que o Goberno galego aposta fortemente polo termalismo desenvolvendo diferentes iniciativas que impulsan a revitalización deste sector. “Non hai que esquecer que os balnearios desenvolven un importante labor social como dinamizadores da nosa economía, creando emprego e por conseguinte asentando a poboación nos núcleos rurais. Á función económica e social hai que engadir a función ambiental, dado o seu labor de vixilancia do entorno a fin de evitar a contaminación do acuífero”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

“O turismo termal é un dos baluartes da comunidade galega, a terra da auga, que converte a experiencia turística nun novo modo de descubrir os atributos dun lugar único”, finalizou Nava Castro.

Pola súa banda, Rogelio Martínez participou na inauguración do encontro e salientou o potencial termal que ten a nosa Comunidade autónoma “pola diversidade da oferta e a calidade dos seus servizos, con máis de 300 mananciais e con 21 establecementos termais”. Ademais incidiu na súa importancia para o desenvolvemento do sector turístico galego porque contribúe “a crear riqueza ao tempo que mellora a nosa calidade de vida”.

Este encontro continuará mañá coa sesión sobre Auga e Saúde, e remata o venres cun encontro de cidades termais e unha sesión sobre Comercialización turística do turismo de saúde e benestar.

Termalismo en Galicia
Galicia posúe unha gran tradición milenaria vinculada ao termalismo. Xa en época dos romanos se utilizaban os mananciais de augas sulfuradas da Gallaecia a xeito de terapia.

O chan galego conta cunha enorme riqueza mineiro-medicinal. En total, están catalogadas máis de 300 captacións existindo unha afloración mineiro-medicinal por cada 10.000 habitantes.

Desas máis de 300 captacións de auga mineral, máis dunha vintena teñen a cualificación de balneario, ocupando Galicia a primeira posición en canto a número de establecementos balnearios a nivel nacional. Actualmente estes centros de balneoterapia ofertan 2.862 prazas de aloxamento e achegan clientes a outras 10.000 prazas do ámbito das súas instalacións. A maioría dos establecementos de balnearios son de alta gama, representando os aloxamentos de 4 e 5 estrelas, o 67% da oferta total.

O volume de negocio dos establecementos balnearios galegos está en torno aos 60.000.000 de euros e xeran 1.400 empregos directos polo que a auga termal constitúe hoxe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico da comunidade galega.

También te podría gustar...