«Música na ruta dos mosteiros» encherá de vida Mosteiros da provincia
- «Música na ruta dos mosteiros», unha combinación perfecta de historia e arte musical
O programa «Música na ruta dos mosteiros» encherá de vida Mosteiros da provincia de Ourense, a través de concertos ofrecidos por corais, así como unha presentación da historia destes emblemáticos edificios do noso patrimonio. A presentación desta iniciativa tivo lugar onte no Pazo Provincial da Deputación, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o presidente e o membro do Coro de Cámara de Música Viva, Antonio Rey e Manuel Ulloa, respectivamente.
Rosendo Fernández explicou que este proxecto «novidoso e ambicioso impulsará a estes mosteiros dos que esquecemos moitos datos da súa historia, e que a través desta iniciativa lembraremos. Ademais, aproveitando as súas boas condicións acústicas ofreceranse concertos. Trátase dunha iniciativa que a Deputación de Ourense apoia porque recupera a nosa historia e a nosa tradición».
Este programa ten, polo tanto, dúas vertentes, por unha parte aproveitando a sonoridade e acústica dos recintos, ofreceranse concertos no que participen corais tanto da provincia como do resto de Galicia. Nestes concertos «mesturarase a música sacra, a música popular e a música do momento actual, todo elo para que os Mosteiros teñan vida diaria», dixo Antonio Rey. E, outra parte previa aos concertos, na que se realizará unha exposición para presentar a historia do Mosteiro (o estilo, a traxectoria, os inicios).
Os mosteiros elixidos para este ciclo de concertos son o mosteiro San Clodio de Leiro, o día 23 de outubro; o de Santa María, Montederramo, o día 30 de outubro; o de Oseira, en Cea, o día 20 de novembro; e o de San Rosendo, en Celanova, o día 27 de novembro, todos eles ás 18.30 horas «con percorridos incluídos, para que a música sexa máis máxica e integremos os mosteiros na nosa cultura», sinalou Manuel Ulloa.
Pola súa parte, Manuel Doval salientou a riqueza patrimonial da provincia de Ourense «posta en valor con este tipo de iniciativas que encherán de vida os mosteiros que son xoias que non existen en tanta calidade e cantidade, en outro territorio español. Este programa transcenderá máis aló da nosa provincia á cal enriquecemos a través da cultura».