Mural ‘Elixe O Barco’: homenaxe e reclamo turístico
- O CCA O Barco presenta o mural Elixe O Barco, financiado polo Inorde
Despois dun mes de traballo, o artista valdeorrés Orde Caos puxo fin ao mural Elixe O Barco da asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco que aposta por promover os principais sectores económicos de Valdeorras, ademais da tradición e cultura da comarca.
O obxectivo, desta acción innovadora para o CCA, é homenaxear aos nosos empresarios e autónomos, pero tamén que dito deseño funcione coma un elemento de reclamo turístico e embelecemento da vila.
Dito mural xa decora a fachada lateral dunha casa localizada na rúa San Roque, no Casco Vello do Barco de Valdeorras, xunto a Praza das Airas.
O deseño, obra de Orde Caos, ten “forma de C invertida”, facendo alusión ao CCA O Barco, e
está dividido en tres partes diferenciadas
A primeira delas é unha imaxe en branco e negro dunha moza debuxada coa técnica do realismo coa que se quere “chamar a atención da xuventude para transmitir que a comarca ten vida nova. A imaxe foi tomada no Porto da Barca”, lugar emblemático do Barco de Valdeorras, “para facer por un lado unha homenaxe ó que da nome a vila e por outro introducir o río coma icono da comarca e reclamo turístico. Dentro da foto hai unha cesta, símbolo atado inconscientemente ás compras, para atraer a xente a comprar na vila. E seguindo este razoamento introduciuse a concha da vieira, para que os peregrinos que van facendo o Camiño de Santiago por Valdeorras se sintan tamén representados e atraídos a elixir O Barco coma lugar ó que voltar”.
Por outro lado, “introduciuse cor nas outras dúas partes do mural para que sexan rechamantes. Na esquina superior esquerda, inclúese a lousa e as uvas”, facendo referencia ós sectores da lousa e vitivinícola. Na esquina superior dereita, “engadíronse castañas e setas, como bodegón de produtos típicos de Valdeorras, e que son un guiño ó sector hostaleiro”.
Por último, na esquina inferior esquerda aparece o lema da campaña e unha “frecha que indica a continuación do Camiño de Inverno”, funcionando ademais coma unha sinalización máis para os peregrinos que percorren a zona na súa viaxe ata Compostela.
A través desta acción de promoción, o CCA O Barco quere fomentar o consumo local e comarcal, e promover a nosa contorna coma lugar de ocio e turismo. Este pequeno mural funcionará coma un elemento de interese e atracción para a veciñanza pero tamén para turistas e peregrinos.
O proxecto Elixe O Barco está financiado polo Inorde, organismo dependente da Deputación de Ourense, a través dunha subvención dirixida ás asociacións de comerciantes para accións de dinamización postas en marcha durante o ano 2022.