Muíños inaugura un dos centros máis modernos de Galicia para a práctica da bicicleta de montaña
O municipio de Muíños conta dende hoxe cun dos centros máis modernos e mellor equipados de Galicia para a promoción e a práctica da bicicleta de montaña (BTT). No complexo turístico-deportivo O Corgo, en Mugueimes (Muíños), tivo lugar esta mañá a inauguración do Centro BTT (bicicletas todo terreo) da Serra do Xurés, un acto que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez; dos alcaldes de Muíños e Lobios, Plácido Álvarez e Maria del Carmen Yáñez, respectivamente, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Estas instalacións turístico-deportivas, destinadas a promocionar a práctica da bicicleta de montaña, constan dun centro de recepción e información no que se ofrecen servizos de aluguer de material, taller de reparacións e limpeza e información sobre as diferentes rutas turísticas e de BTT da comarca da Baixa Limia. Estas rutas BTT están sinalizadas, discorren polos arredores e están clasificadas dependendo da súa lonxitude e dificultade.
Un convenio entre a Deputación de Ourense, que achega 30.000 €, o concello de Muíños (10.000 €), a Consellería de Medio Ambiente e Turismo de Galicia fixeron posible a construción desta infraestrutura deportiva, a cal, segundo dixo Manuel Baltar no acto de inauguración, “supón un novo polo de atracción turística da provincia de Ourense nunha especialidade como é a bicicleta de montaña que engade á práctica deportiva a promoción turística dunha zona especialmente fermosa da nosa provincia”. “Os concellos de Muíños e Lobios –explicou o presidente provincial- lideran esta iniciativa que contou dende o primeiro minuto co apoio da Deputación de Ourense, non só no aspecto económico, que tamén, pois fomos a administración que máis achegou para que estas instalacións fosen unha realidade, senón no que se refire a “facer provincia”: trátase de crer en infraestruturas turístico-deportivas como esta e de crer na potencialidade desta comarca e, en definitiva, de Ourense”.
Baltar salientou que a aposta da Deputación é “continuar afondado para que este complexo BTT sexa unha referencia en Galicia, e o feito de que conte co aval do goberno autonómico indica que foi unha boa alternativa e un bo proxecto do concello, e a Deputación de Ourense estará aí sempre buscando na Baixa Limia ou en calquera outra comarca da nosa xeografía razóns para atraer visitantes, que logo repiten porque comproban as excelencias das nosas ofertas”.
A implantación deste centro BTT nesta comarca ten a súa razón de ser en que os concellos de Muíños e Lobios dispoñen dunha variada oferta de recursos paisaxísticos, naturais, arquitectónicos e culturais, así como dunha oferta en servizos e equipamentos turísticos que fixeron favorable a implantación deste novo produto turístico que pasa a integrarse na rede de Centros BTT Galicia de ámbito autonómico, promovida por Turismo de Galicia.
Xunto coa construción do centro, o convenio contempla unha serie de accións encamiñadas a promocionar esta nova infraestrutura turístico-deportiva como son campañas de difusión, acordos de colaboración con asociacións e entidades deportivas para a organización de marchas cicloturistas e competicións deportivas; accións de fortalecemento e desenvolvemento do tecido empresarial turístico ao redor do produto BTT; accións para o desenvolvemento, coñecemento e implantación da marca “Centro BTT Serra do Xurés”, e accións dirixidas a fixar e aplicar criterios de control de calidade e mellora continua de produto así como para a posta en marcha dun sistema de xestión turística do destino.
Deputación de Ourense e Concello de Muíños asumen o ámbito económico coas correspondentes achegas de 30.000 € e 10.000 € e a Xunta de Galicia asume o compromiso de facilitar información referente ao espazo natural para as actividades de divulgación e sinalización que se vaian a realizar, e a manter os tramos de rutas de BTT en aqueles tramos que coincidan coas rutas xa establecidas do parque natural. Pola súa banda, o Concello de Lobios colaborará na promoción do Centro BTT Serra do Xurés e no mantemento das rutas.