Mozas e mozos están a poñer en valor a fervenza da Pedriña

  • A Xunta pon en valor a fervenza da Pedriña, no municipio lucense de Quiroga
  • Realizouse un acceso e uniuse este salto de auga e o de Pombar, ademais de colocar sinalización e dotar a contorna como zona de baño natural
  • A campaña de verán deste ano conta cunha participación récord, con máis de 10.800 prazas en campamentos, campos de voluntariado ou minicampamentos que se desenvolveron por toda Galicia

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou onte a importancia dos campos de voluntariado para conservar contornas naturais. Díxoo durante unha vista ás mozas e mozos que están a poñer en valor a fervenza da Pedriña, no municipio lucense de Quiroga.

Os mozos, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e procedentes de Andalucía, Aragón, Castela A Mancha, Estremadura e Madrid rematan hoxe a súa convivencia neste campo de voluntariado, que comezou o pasado 28 de agosto. O obxectivo desta iniciativa era o de realizar un acceso e unir as fervenzas da Pedriña e do Pombar, así como sinalizalas e dotar á primeira como unha zona de baño natural. Así mesmo, traballouse na creación dun vídeo sobre os saltos de auga que hai no xeoparque e na dinamización das rutas do concello para promover o chamado Camiño do Inverno.

Estas actividades complementáronse cunha programación de ocio e lecer que incluíu a práctica de deportes náuticos, a realización de rutas para coñecer a xeoloxía e arqueoloxía do lugar ou visitas aos museos xeolóxico e etnográfico de Quiroga, entre outras.

Participación récord

A campaña de verán 2022 da Xunta de Galicia conta cunha participación récord. O lema deste ano é O verán que queres contar e ten máis de 10.800 prazas repartidas en distintas actividades por toda a comunidade, como campamentos de verán, campos de voluntariado ou minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos.

También te podría gustar...