«Monforte vaise volcar con La Vuelta porque é unha oportunidade tremenda para a Ribeira Sacra»

  • O Alcalde subliña na presentación de La Vuelta o importante retorno económico que terá para Monforte e a Ribeira Sacra
  • José Tomé Roca, participou na mañá de hoxe en Santiago no acto de presentación oficial das etapas de La Vuelta 2021 en Galicia, nas que Monforte será final de etapa o vindeiro 3 de setembro
  • O Alcalde destacou na súa intervención que “Monforte vaise volcar con La Vuelta porque é unha oportunidade tremenda para a Ribeira Sacra e para Galicia, porque La Vuelta non so é ciclismo, é deporte, é promoción do territorio, é promoción do turismo, é promoción económica, e todo isto únese en torno a La Vuelta”
  • “A chegada da Vuelta a España a Monforte vaino facer nun momento moi especial para a Ribeira Sacra porque agardo que en xuño sexa declarada en China pola UNESCO Patrimonio da Humanidade”, salientou o rexedor municipal
  • Tomé Roca, aproveitou tamén para resaltar os principais atractivos turísticos, paisaxísticos, gastronómicos e culturais de Monforte e da Ribeira Sacra: “o espectador vaise atopar, co final de etapa en Monforte, cunha paisaxe cultural e natural únicas”

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, salientou hoxe, no acto de presentación oficial das etapas de La Vuelta 2021 en Galicia, celebrado na Cidade da Cultura en Santiago, o “importante retorno económico que suporá para Monforte e a Ribeira Sacra ser fin da 19 etapa desta importante competición deportiva o vindeiro 3 de setembro”.

Neste senso, o Alcalde monfortino destacou na súa intervención que “Monforte vaise volcar con La Vuelta. Tal e como se volcou no ano 2016 coa saída, este ano vaise volcar coa chegada porque é unha oportunidade tremenda para a Ribeira Sacra e para Galicia, porque La Vuelta non so é ciclismo,  é deporte, tamén é promoción do territorio, é promoción do turismo, é promoción económica, e todo isto únese en torno a La Vuelta”.

No acto de presentación, ademais do rexedor monfortino, participaron entre outros o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como os alcaldes de Santiago, Xosé A. Sanchez Bugallo, de Sanxenxo, Telmo Martín, de Padrón, Antonio Fernández, ou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. Ademais, tamén estiveron presentes ciclistas de renome, que acompañaron ás diversas autoridades nas súas intervencións, nun acto presentado polo actor e humorista galego David Amor. 

A riqueza de Monforte, capital da Ribeira Sacra

Na súa intervención, nun dinámico diálogo co presentador do acto, o Alcalde tamén aproveitou para destacar que “a chegada da Vuelta a España a Monforte vaino facer nun momento moi especial para a Ribeira Sacra porque agardo que en xullo sexa declarada en China pola UNESCO Patrimonio da Humanidade. É unha ocasión magnífica para que cando chegue La Vuelta en setembro, xa teñamos a declaración de Patrimonio da Humanidade para o conxunto da Ribeira Sacra.”

Do mesmo xeito, recordou que este ano 2020, así como o vindeiro 2022, é Ano Santo Xacobeo, polo que Monforte e a Ribeira Sacra tamén adquiren un protagonismo especial ó transcorrer o Camiño de Inverno polas súas terras.

“Que a etapa 19 entre en Galicia por A Fonsagrada, que atravese a provincia e remate en Monforte, é unha ocasión magnífica para amosar o noso potencial, sendo ademais unha das etapas máis longas desta edición da Vuelta” indicou o rexedor municipal.

Antes de rematar a súa intervención, Tomé Roca, aproveitou tamén para resaltar os principais atractivos turísticos, paisaxísticos, gastronómicos e culturais de Monforte e da Ribeira Sacra: “o espectador vaise atopar, co final de etapa en Monforte, cunha paisaxe cultural e natural únicas”.

Entre outros aspectos, destacou a importancia de Monforte coma cidade condal, na que o actual Parador foi sede do Condado de Lemos, e fixo un repaso polos principais valores artísticos e culturais da cidade, destacando os Escolapios ,”o segundo Escorial galego”, os museos que albergan á arte sacra e italiana do século XVI, ou o Museo do Viño, resaltando a calidade dos caldos da Ribeira Sacra.

También te podría gustar...