Monforte terá un ‘Mercado de Nadal’ nunca visto

Este ano contará con tres fins de semana, os que restan de decembro, dedicados á promoción do comercio local e a artesanía nos que non faltarán interesantes propostas de lecer e entretemento pensado para todos os públicos.

 

O concello vén de presentar o Mercado de Nadal-Circuítos de Artesanía e Música Galega, unha proposta de dinamización económica e do sector da artesanía que complementará con actividades para nenos e nenas, obradoiros, e propostas musicais para todos os públicos.

A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, destacou na presentación que “o noso obxectivo dende o Equipo de Goberno con este Mercado de Nadal é a dinamización comercial e artesanal nestas datas, que engade ademais unha oferta de ocio e dinamización comercial das rúas monfortinas”.

 
UNHA PROPOSTA DIFERENTE A OUTROS ANOS

Este ano o Mercado de Nadal de Monforte celebrarase durante tres fins de semana consecutivas no mes de decembro (os días, 10, 11, 17, 18, 23 e 24).

O Concello de Monforte decorará e ambientará as instalacións da Praza de Abastos, lugar onde tradicionalmente se vén ubicando o Mercado de Nadal, converténdoa nun escenario navideño que chame a atención de veciños e visitantes do Mercado.

O horario de apertura do recinto e dos postos que haxa cada fin de semana (postos que irán rotando para garantir variedade de produto) será o seguinte: sábados 10 e 17, e o venres 23 de decembro, os horarios de apertura do Mercado de Nadal serán de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Os domingos 11 e 18, e o sábado 24, abrirá en horario de mañá de 11:00 a 14:00 horas.

No Mercado de Nadal, o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abanico de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade.

ANIMACIÓN PARA TODOS OS PÚBLICOS

Todos os días do mercado haberá entre as 12:00 e a 13:00 actividades diversas para todos os públicos: contacontos, espectáculos de maxia, música e cantos de Nadal. Pola tarde, desenvolveranse obradoiros con diversos artesáns e artesás, así coma demostracións artesanais a cargo dos oleiros de Sober Elías González e Tomás Lopez.

Entre as actividades de animación, este ano cómpre salientar a presenza da Apalpadora e do Apalpador. O tradicional estes anos era recibir a visita o 24 de decembro do Apalpador, que fai un percorrido polas rúas monfortinas para rematar na Praza de Abastos (ás 13:00 h.) co seu espectáculo de animación narrativa con historias e consellos que transmiten valores á cativada.

 

Pois ben, a novidade deste ano é que o día 23 terá lugar a visita da Apalpadora que chegará ás 13:00 h. cun espectáculo musical moi entretido.

 

Tamén pola tarde do venres 23, as 19:00 horas actuará na Praza de Abastos a Asociación Cultural Amigos da Pandereita.

En palabras da tenente de Alcalde, Gloria Prada, “animamos a todos os monfortinos e ás persoas que nos visiten estes días, que acudan ó noso Mercado de Madal, que aposten por comprar no comercio local e disfruten da nosa hostalería, e que participen neste completo programa de actividades que desenvolveremos na Praza de Abastos e na rúa do Cardenal”.

OUTRA NOVIDADE, ACTUACIÓNS MUSICAIS DE RÚA

Cada fin de semana, e como complemento a este Mercado de Nadal, terá lugar a actuación diversos grupos musical nun escenario ubicado na rúa Cardenal, que animarán ás rúas comerciais e os negocios de hostalería.

O sábado 11, a partir das 20:30 horas, o grupo Dixie Kings sairá dende a praza de Abastos, para percorrer diferentes rúas e finalizar no escenario da rúa do Cardenal, no que, sobre as 21:15 horas ofrecerá un concerto.

O sábado 17, tamén as 20:30 horas no escenario da rúa Cardenal fará a súa actuación o grupo monfortino Malenne. E xa por último, o venres 23 as 20:30 actuarán Galifunk.

AXENDA PARA ESTA PRIMEIRA FIN DE SEMANA

Sábado 10 de decembro (10:00 a 14:00 – 17:00 a 20:30)

12:00 h.- Espectáculo de Ángeles GoásUn saco de contos”.

 

18:00 h.- Obradoiro artesanal para nenos e nenas.

20:30 h.- Concerto Navideño Dixie Kings, pasarúas e actuación na rúa Cardenal ás 21:00 horas.

Domingo 11 de decembro (11:00 a 14:00)

12:00 h.- Espectáculo Maxia Familiar co Mago Deimi de Hermanager Producións.

FONDOS NEXTGENERATION

Este Mercado de Nadal é realizado dentro do proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241 concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia

 

También te podría gustar...