Monforte solicita á Xunta de Galicia que levante o peche perimetral

  • Trala proposta do Alcalde, José Tomé Roca, a Xunta de Goberno do Concello decidiu por unanimidade na reunión celebrada hoxe, solicitar á Xunta de Galicia o levantamento do peche perimetral de Monforte, debido a que o Concello ven de pasar de alerta vermella a alerta laranxa pola incidencia da Covid-19
  • Tamén se demanda ó Presidente da Xunta que se proceda á reapertura dos establecementos de hostalaría de Monforte, coas restricións establecidas con carácter xeral para este sector no conxunto de Galicia

Trala proposta do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a Xunta de Goberno Local, celebrada hoxe luns 9 de novembro, acordou por unanimidade solicitar ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o levantamento do peche perimetral de Monforte, logo de que o Concello pasara de alerta vermella a alerta laranxa, tras os últimos datos facilitados polas autoridades sanitarias.

Esta petición lévase a cabo á vista dos datos que ven de dar a coñecer a Consellería de Sanidade, e que indican que o Concello de Monforte de Lemos reduciu o número de positivos por COVID-19, o que propiciou que deixe de estar en alerta vermella, pasando a nivel de alerta laranxa.

“Por esta razón”, sinala o Alcalde,

respectando as recomendacións das autoridades sanitarias, o Concello de Monforte deixa de ter os criterios que motivaron o seu peche perimetral e tamén o peche da hostalaría, tendo en conta ademais que hoxe luns día 9 de novembro remata o Estado de alarma con carácter xeral.

 

Por todo elo, e en base a estes datos publicados pola Consellería de Sanidade,

vimos de remitir á Xunta de Galicia un requerimento no que lle solicitamos o levantamento do peche perimetral do Concello de Monforte de Lemos, e que se permita ademais a reapertura dos establecementos de hostalaría, coas restricións establecidas con carácter xeral para este sector no conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia

, concluíu o rexedor municipal.

Este requerimento foi enviado por vía telemática ó Presidente da Xunta de Galicia, unha vez rematada a reunión da Xunta de Goberno do Concello,.

También te podría gustar...