Monforte recupera o teatro para o último trimestre do ano

  • A Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer a programación teatral do Concello de Monforte ata final de ano 
  • Serán 8 obras de teatro que se celebrarán no Edificio Multiusos e contarán cun protocolo específico de seguridade e hixiene ante o Covid-19

 

O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no último trimestre do ano 2020, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito, segundo informou hoxe en rolda de prensa a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, “de outubro a decembro teremos a oportunidade de asistir a oito representacións teatrais de compañías profesionais dentro de diferentes programas culturais como son o da “Rede Galega de Teatros e Auditorios” e “A cultura segue”, da Xunta de Galicia e o ciclo “Seráns Teatrais” da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo”.

Así, a participación do Concello de Monforte na Rede Galega de Teatros e Auditorios permitirá que se acheguen a Monforte as seguintes compañías e obras:

Para público Adulto:

  • Bernarda da compañía de teatro Malasombra, o xoves 15 de outubro.
  • Chola a it girl de ArtesaCía, o xoves 29 de outubro.
  • A conquista da escola de Madhubai da compañía Teatro do Atlántico, o xoves 12 de novembro.
  • A compañeira de piso da compañía Contraproducións, o xoves 26 de novembro.
  • Curva España de Chévere, o xoves 10 de decembro.

 

Para público Infantil:

  • Animais de compañía da compañía Teatro do Noroeste, o luns 28 de decembro.

Todas as representacións da rede de Teatros e Auditorios levaranse a cabo no Edificio Multiusos ás 20:15 h excepto a obra infantil que será ás 18:00 h. O prezo da entrada xeral será de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.

O programa da Xunta de Galicia “A Cultura segue” traerá a Monforte unha representación teatral para público infantil e familiar da Compañía Sarabela Teatro titulada Proxecto Noee. A actuación no Edificio Multiusos será o sábado 31 de outubro ás 18:00 h, sendo a entrada gratuíta ata completar o aforo.

A área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo a través do  seu programa “Ciclo Seráns Teatrais” incluirá en Monforte a obra Poeta en Nova York da compañía Teatro baixo da area, representación que se desenvolverá no Edificio Multiusos o xoves 17 de decembro ás 20:15 h coa entrada gratuíta ata completar a capacidade do local.

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.

A Concelleira concluíu a súa intervención

animando ós monfortinos e monfortinas a que acudan a disfrutar deste programa de teatro que recupera o Concello de Monforte e que o fagan coa seguridade de que se atoparán coas medidas necesarias para garantir a súa seguridade ante a Covid-19

También te podría gustar...