Monforte programa oito actividades teatrais para o último trimestre do ano

  • O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que “é moi importante para unha cidade coma a nosa poder volver a disfrutar do teatro, a través destas 8 obras, que nos permitirán ir recuperando a normalidade, toda vez que segue baixando a incidencia da pandemia. Dende o Concello, agardamos que os monfortinos e monfortinas acudan e disfruten de todas estas representacións”
  • Catro destas representacións teatrais forman parte do circuíto da Rede de Teatros de Auditorios, dúas corresponden ó Ciclo de Teatro Afeccionado e o Circuíto de Teatro Profesional da Deputación de Lugo, e outras dúas son promovidas directamente pola Concellería de Cultura monfortina

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer a programación teatral que traerá á cidade do Cabe 8 representacións teatrais que se desenvolverán durante o último trimestre do ano 2021, entre os meses de outubro e decembro.

 

Rede de Teatros de Auditorios

Catro destas representacións teatrais forman parte do circuíto da Rede de Teatros de Auditorios, no que colaboran o Concello de Monforte de Lemos e a Xunta de Galicia. En concreto as catro representacións en Monforte de Lemos dentro do circuíto da Rede de Teatros e Auditorios no último trimestre de 2021 serán as seguintes:

-O 7 de outubro de 2021,  La Quintana porá en escena a obra O Premio.

-O 21 de outubro será a quenda de Teatro Do Noroeste, que porá en escena a obra As Virxes Salvaxes.

-En novembro, o día 4, achegarase a Monforte a compañía Elefante Elegante que representará a obra Dreaming Juliet.

-O ciclo destas catro representacións finaliza o 2 de decembro coa posta en escena da obra Insubmisión a cargo da compañía Teatro do Andamio.

As catro representacións do último trimestre de 2021 da Rede Galega de Teatros e auditorios serán os días sinalados ás 20:15 no Edificio Multiusos. A entrada ten un custo de 5 € e para estudantes, desempregados e xubilados de 3 €.

 

Ciclo de Teatro Afeccionado e o Circuíto de Teatro Profesional

O Concello de Monforte de Lemos tamén participa noutros dous circuítos teatrais nesta ocasión coa Deputación de Lugo -Cultura Vicepresidencia: o Ciclo de Teatro Afeccionado e o Circuíto de Teatro Profesional.

Dentro do Ciclo de Teatro Afeccionado, o 12 de decembro ás 18:00 h na Casa da Cultura Lois Pereiro o grupo Alentía Teatro representará A Escada dos Contos, representación con entrada gratuíta dirixida a un público infantil e familiar.

Dentro do Ciclo de Teatro Profesional o grupo Teatro Marionetas Trécola representará o 28 de decembro ás 18:00 no Edificio Multiusos a obra A Saga de Flin Havardr. Esta representación dirixida a un público infantil e familiar tamén será de entrada gratuíta.

 

Dúas representacións teatrais máis

Fóra dos tres circuítos sinalados en que o Concello de Monforte participa, en colaboración coa Xunta de Galicia no caso da Rede Galega de Teatros e de Auditorios e en colaboración coa Deputación de Lugo nos casos do Ciclo de Teatro Afeccionado e do Ciclo de Teatro Profesional, o concello monfortino programa outras dúas representacións teatrais para o cuarto trimestre de 2021.

A primeira delas achegará á cidade monfortina ao Centro Dramático Galego que representará a obra O Charco de Ulises o xoves 18 de novembro ás 20:15 no edificio Multiusos. A entrada para asistir a esta representación terá un custo de 5 € e de 3 € para estudantes, desempregados e xubilados.

A segunda será o xoves 25 de novembro na Casa da Cultura Lois Pereiro. Nesta ocasión Avelino González porá en escena a obra A todo risco con entrada gratuíta. Esta representación está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Monforte de Lemos en colaboración coa Fundación Vicente Risco.

A entrada ás oito representacións teatrais ás que se fixo referencia será limitada debido á coviv-19 polo que haberá que adaptarse á normativa sanitaria en cada momento.

 

O Alcalde salienta que

é moi importante para unha cidade coma a nosa poder volver a disfrutar do teatro, a través destas 8 obras, que nos permitirán ir recuperando a normalidade, toda vez que segue baixando a incidencia da pandemia. Dende o Concello, agardamos que os monfortinos e monfortinas acudan e disfruten de todas estas representacións.

 

También te podría gustar...