Monforte: primeiro Viveiro de Empresas
- É a primeira vez que Monforte conta cun Viveiro de Empresas destinado ó fomento e desenvolvemento de iniciativas emprendedoras
- José Tomé Roca anuncia a apertura do prazo a presentación de instancias para solicitar un espazo no Viveiro de empresas que o Concello construíu no Polígono do Reboredo, prazo que estará aberto dende hoxe mércores 28 de xuño e ata o 29 de agosto, logo de ser publicado onte no Boletín Oficial da Provincia
- “Dende o Concello”, sinala o rexedor monfortino, “poñemos en marcha este Viveiro de Empresas, co obxectivo de favorecer a implantación de iniciativas empresariais no Polígono industrial de O Reboredo, e de contribuír á creación e posta en marcha de novas iniciativas económicas que potencien e diversifiquen o tecido empresarial e a xeración de emprego na nosa cidade”
- O Alcalde decidiu que os espazos do novo Viveiro de Empresas deben fomentarse de forma gratuíta “co fin de axudar a dar os primeiros pasos a estas empresas emprendedoras, pois consideramos que unha persoa que empeza a construír o seu negocio, necesita ter as máximas facilidades posibles”
- As empresas candidatas a optar a estes espazos deberán ter domicilio social e fiscal no Concello de Monforte de Lemos, contar cun plan de empresa e desenvolver actividades empresariais do sector industrial
- A oferta destas instalacións vai dirixida a aquelas empresas constituídas en menos de 6 meses dende a solicitude de acollemento ou ben aquelas que aínda non se constituíran pero que prevén facelo no prazo máximo de tres meses dende a resolución de acollemento
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar da posta en marcha do que é o primeiro Viveiro de Empresas que existe no Concello de Monforte, e que se ubica no Polígono industrial de O Reboredo, coa oferta de 5 oficinas dotadas dos equipamentos necesarios para que as empresas que as soliciten poidan iniciar os seus proxectos de negocio.
“Dende o Concello”, sinala o rexedor monfortino, “poñemos en marcha este Viveiro de Empresas, co obxectivo de favorecer a implantación de iniciativas empresariais no Polígono industrial de O Reboredo, e de contribuír á creación e posta en marcha de novas iniciativas económicas que potencien e diversifiquen o tecido empresarial e a xeración de emprego na nosa cidade”.
Deste xeito, a partir de mañá mércores 29 de xuño ábrese o prazo para que as empresas interesadas en optar a un dos 5 espazos que o Concello ofertará no novo Viveiro de Empresas municipal poidan cursar as súas solicitudes. O prazo estará aberto por un período de 2 meses, ata o 29 de agosto de 2022. As bases foron publicadas con data de onte no Boletín Oficial da Provincia.
Este novo Viveiro de Empresas ubícase no Polígono Industrial do Reboredo, e é froito das obras de reforma que o Concello monfortino levou a cabo dende o mes de outubro de 2021 nunha nave propiedade municipal, e que están a ser ultimadas nestes días. Para este proxecto, o Concello contou cunha axuda da Xunta de Galicia que contribuíu a financiar esta actuación.
Axuda a novos empresarios que inician os seus proxectos de negocio
O Alcalde decidiu que os espazos do novo Viveiro de Empresas deben fomentarse de forma gratuíta “co fin de axudar a dar os primeiros pasos a estas empresas emprendedoras, pois consideramos que unha persoa que empeza a construír o seu negocio, necesita ter as máximas facilidades posibles”.
Deste xeiro, o único coste que terán que asumir as empresas ubicadas será o coste dos subministros e consumos propios do local e a parte proporcional do coste do espazos de usos comúns, e dicir, os custes de internet, telefonía, ou os gastos de limpeza.
“Coa oferta que dende o Concello facemos destes 5 espazos gratuítos, sen dúbida contribuiremos a axudar a dar os primeiros pasos a estas empresas emprendedoras, pois consideramos que unha persoa que empeza a construír o seu negocio, necesita ter as máximas facilidades posibles”, subliñou o Alcalde.
Solicitudes e requisitos para optar a unha praza no Viveiro de Empresas
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro do Concello ou por calquera dos medios e formas previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de 1 de outubro de procedemento administrativo común das administracións públicas.
O prazo de resolución será de dous meses unha vez finalizado o prazo de solicitudes e terán que poñer en marcha as súas empresas no período máximo de 3 meses dende a notificación da concesión do acollemento no Viveiro.
Segundo establece as bases reguladoras desta convocatoria, as instalacións van dirixidas a aquelas empresas constituídas en menos de seis meses dende a solicitude de acollemento ou ben aquelas que aínda non se constituíran pero que prevén facelo no prazo máximo de tres meses dende a resolución de acollemento.
As empresas deberán ter domicilio social e fiscal no Concello de Monforte de Lemos, contar cun plan de empresa e desenvolver actividades empresariais do sector industrial.
O Contrato de duración será de 12 meses prorrogables por outros 12, e en ningún caso se lles admitirá as empresas unha estancia superior a tres anos, incluída a prórroga, a que deberán solicitar a prórroga nun prazo mínimo de dous meses antes de que remate o contrato e xustificar que precisan algún tempo máis para a consolidación do seu negocio.
Ademais, as empresas que finalmente sexan escollidas, terán que subscribir unha póliza de responsabilidade civil e danos ó edificio e ás instalacións por importe non inferior a 300.000 euros, así como depositar unha garantía por importe de 200 euros.
A normativa do Viveiro de empresas de Monforte pode consultarse no BOP deste martes, na sede electrónica do Concello de Monforte de Lemos e na páxina web municipal.
Poderán solicitar más información na Oficina de Promoción Económica do Concello ou no número de teléfono 982884775.
Acondicionamento da nave para a creación dun Viveiro Industrial de Empresas
A obra que acometeu o Concello na nave municipal ubicada no Polígono do Reboredo foi convertela nun Viveiro de Empresas, co obxectivo adecuala para que poida ser utilizada como espazo físico para que empresas de nova creación dispoñan dun lugar onde empezar e consolidar a súa actividade.
Para elo, contou cun orzamento de 239.192,41 euros IVE incluído, e adxudicou as obras á empresa Construcciones y Obras Taboada y Ramos S.L.U.
Deste xeito, acondicionouse unha zona 216 m2, repartidos en dúas plantas, destinada a oficinas e servizos. Nesta zona realizáronse obras de redistribución de espazos para adecualos á utilización dos mesmos por varias empresas, creando zonas de uso compartido (aseos, sala de xuntas, sala de espera, e outros servizos) e zonas de uso privado para o desenvolvemento das actividades privadas de cada unha das empresas.
Tamén, levouse a cabo a adecuación dos distintos locais a normativa vixente en materia de accesibilidade, illamento térmico, illamento acústico e protección fronte ó lume.
Na execución das obras tamén se tiveron en conta as necesidades relativas a telecomunicacións e de uso de novas tecnoloxías das empresas actuais, polo que os locais estarán dotados de instalación que permitan a conexión das ferramentas tecnolóxicas.
Deste xeito, a través desta convocatoria, o Concello monfortino por a disposición das empresas 5 espazos equipados con mobiliario e diferentes medidas (un deles adaptado a normativa vixente en materia de accesibilidade), sala de usos múltiples e comúns, zona de recepción, aseos, sala de cafetería e servizos.
O Alcalde concluíu destacando que “dende o Concello seguimos a apostar polo desenvolvemento do Polígono do Reboredo, con esta iniciativa propia que sen dúbida contribuirá á creación de empresas e ó fomento do emprego, que son os obxectivos deste novo Viveiro de Empresas”.