Monforte honra á Virxe de Montserrat, Patroa da cidade
- O Alcalde, José Tomé Roca, presidiu os actos de conmemoración do día da Patroa de Monforte, hoxe domingo 15 de agosto, actos litúrxicos que se celebraron na Igrexa da Régoa, nos que tamén participaron diversos membros da Corporación Municipal así como representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado
- Tras a celebración da eucaristía, tivo lugar á ofrenda floral a cargo do Alcalde ante a imaxe da Virxe de Montserrat
- Xunto cos Fogos de San Vicente, que terán lugar esta noite ás 12 horas, son estes os únicos dous eventos relacionados coas Festas Patronais de Monforte que se celebran este ano na cidade, Festas que tiveron que ser suspendidas a causa da pandemia do Coronavirus
Na mañá de hoxe, a Corporación Municipal encabezada polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou nos actos litúrxicos de honra á Patroa da cidade, a Virxe de Montserrat.
Xunto cos fogos de San Vicente, que terán lugar hoxe a partir das 12 da noite, estas son as dúas únicas actividades relacionadas coas Festas Patronais de Monforte que se levan a cabo este ano por mor do Covid-19. O resto de actividades propias das festas patronais foi suspendido por responsabilidade sanitaria cos veciños e veciñas de Monforte ante o Coronavirus.
Deste xeito, a comitiva oficial encabezada polo Alcalde e formada por diversos membros da Corporación Municipal, así como por representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, isto é, Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local, partiu ás 10:45 horas da Praza do Concello, como é tradición, para dirixirse á igrexa da Régoa, acompañados por un grupo de gaitas.
A tradición tamén marca que esta celebración na honra da Patroa de Monforte se celebre na igrexa de San Vicente, pero as obras de restauración que se están levando a cabo nela, fixeron que os actos litúrxicos do 15 de agosto se trasladasen á devandita igrexa da Régoa.
A chegada da comitiva oficial á igrexa da Régoa tivo lugar ás 11 horas; o párroco D. Rafael recibiu ó rexedor municipal e, tras elo, iniciouse a eucaristía na honra da Patroa de Monforte, a Virxe de Montserrat.
Todos os actos na honra á Patroa celebráronse no interior da Igrexa da Régoa, seguindo a normativa de hixiene e distancias de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, e que supoñen unha limitación do aforo e o uso obrigatorio de máscara.
Deste xeito, tras a eucaristía, celebrouse, no interior da igrexa, unha ofrenda floral na que o Alcalde de Monforte depositou flores ante a Virxe. Tras elo, dous grupos de baile tradicional executaron dúas pezas tamén diante da Virxe e dentro do templo. Tras elo, concluíron os actos de honra á Virxe.
Os Fogos de San Vicente serán os protagonistas hoxe ás 12 da noite, e dende o Concello agárdase que veciños e visitantes poidan disfrutar deles. Neste senso, dado que estes fogos son visibles practicamente dende calquera punto da cidade, dende o Concello recoméndase, á hora de velos, que se respecten as distancias sociais e se sigan as recomendacións das autoridades sanitarias ante o Coronavirus.