Monforte fomenta a contratación dos alumnos da Escola Obradoiro da Pinguela
- Para elo, ofrece axudas de 1.500 euros para fomentar a contratación por parte de empresas do sector da construción dos alumnos dos módulos de fontanería e albanelería, que rematarán a súa formación o 16 de decembro
- Tras a publicación das bases este sábado 21 de novembro no Boletín Oficial da Provincia (BOP), as empresas interesadas terán 20 días para formalizar as súas solicitudes
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que xa se poden solicitar ás axudas para a contratación de alumnos da Escola Obradoiro da Pinguela, logo de que este sábado saíra publicada a convocatoria das mesmas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Trátase de axudas de 1.500 euros destinadas fomentar a contratación por parte de empresas do sector da construción dos alumnos dos módulos de fontanería e albanelería participantes no Obradoiro dual de emprego “Acondicionamento das instalacións da Escola Obradoiro da Pinguela«, que rematarán a súa formación o 16 de decembro.
Para poder recibir estas axudas, as empresas deberán formalizar os contratos cos alumnos antes de que finalice o ano, e os contratos deberán ser de alomenos 3 meses. Todas as empresas do sector da construción interesadas en solicitar estas axudas, terán 20 días de prazo, a contar dende o domingo 22 de novembro, para formalizar as súas solicitudes.
“Deste xeito”, sinala o Alcalde,
dende o Equipo de Goberno do Concello, dentro das nosas políticas sociais e económicas, seguimos fomentando a creación de emprego, e neste caso, para facilitar a incorporación ó mercado laboral dos alumnos que veñen de formarse na Escola Obradoiro da Pinguela.
A estas axudas poderán optar entidades beneficiarias dos incentivos á contratación as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida nos obradoiros duais de emprego, e que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados no ámbito territorial dos obradoiros duais de emprego.