Monforte abre o prazo de solicitude das instalacións deportivas municipais
- Dende mañá martes, todas as entidades deportivas e clubs de Monforte poderán solicitar o uso de Instalacións Deportivas Municipais para a tempada 2020-2021
- O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados dende o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web do Concello, sendo o derradeiro día para a presentación o 16 de setembro
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que a partir de mañá martes 2 de setembro todas as entidades deportivas e clubs de Monforte poderán solicitar o uso de Instalacións Deportivas Municipais durante a tempada 2020 – 2021.
En particular poderán presentar solicitude:
- Asociacións deportivas escolares ou centros educativos que participen en programas de deporte escolar durante a tempada 2020 – 2021.
- Clubs, entidades deportivas e asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que participen nalgún tipo de competición deportiva durante a tempada 2020 – 2021 organizada por algunha das Federacións Deportivas Galegas ou Españolas.
- Clubs, entidades deportivas e asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que organicen algunha actividade non oficial dirixida á promoción do deporte e a actividade física e recreativa entre os cidadáns durante a tempada 2020 – 2021.
O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados dende o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web do Concello www.monfortedelemos.es sendo o derradeiro día para a presentación o 16 de setembro de 2020.
Todos os clubs interesados na solicitude de instalacións deportivas para a tempada deberán presentar a documentación requirida nas bases da convocatoria dentro dos prazos establecidos.
Tanto as bases da convocatoria como o uso das instalacións deportivas está regulado polo REGULAMENTO DE USO, RESERVA E ALUGUER DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE MONFORTE que foi publicado no BOP Nº 190 do xoves 20 de agosto de 2020.
Ademais de polo regulamento, o uso das instalacións deportivas dependerá da evolución da pandemia do COVID-19 que se dea en cada momento. Deste xeito o Concello de Monforte publicará un protocolo de uso das instalacións deportivas que condicionará a utilización das mesmas.
De ser necesario, e en canto non se resolva o procedemento, aquelas entidades que o xustifiquen debidamente poderán facer uso das instalacións deportivas nos mesmos horarios dos que dispoñían na tempada 2019-2020, tendo en conta que no momento no que se resolva o procedemento deberanse adaptar aos novos horarios concedidos.
Na páxina web do Concello de Monforte, todos os interesados poderán descargar a seguinte documentación:
- Bases da convocatoria
- Modelo de solicitude en pdf
- Modelo de solicitude editable en word
- Instrucións para presentar a solicitude
- Regulamento de uso de instalacións deportivas municipais