“Mobile Week Ourense”: O Inorde promociona a Vía da Prata

  • Este organismo, dependente da Deputación de Ourense, organiza catro actividades durante a celebración deste evento que converterá a provincia de Ourense na capital da tecnoloxía e da innovación

 

Artículo relacionado (castellano). El Monasterio de Oseira, el “Escorial gallego”

 

O Inorde promocionará a Vía da Prata, o itinerario xacobeo que pasa por máis concellos da provincia de Ourense ao chegar a preto de 30 municipios, durante a celebración da “Mobile Week Ourense”. Por elo, o vindeiro sábado, 20 de novembro, o Inorde organiza unha xornada que achegará aos participantes parte da enogastronomía, patrimonio e natureza, que os viaxeiros se poden atopar ao longo desta ruta e todo elo acompañados por unha guía profesional.

A viaxe comezará ás 10.00 horas, poñendo a disposición dos inscritos un autobús que sairá desde a capital (intercambiador da Alameda). A primeira parada será en Cea, onde terán a oportunidade de gozar dunha das experiencias turísticas máis emblemáticas do municipio, a visita a un forno tradicional de Pan de Cea para coñecer o proceso de elaboración dun dos produtos enogastronómicos de referencia na nosa provincia. Posteriormente, realizarán un percorrido a pé do tramo do Camiño desde Pieles a Oseira. Unha vez alí, visitarán un dos referentes patrimoniais ourensáns como é o Mosteiro Cisterciense de Santa María la Real. Por último, de regreso poderán testar a aplicación “Vía de la Plata Segura”, que será lanzada proximamente e que suporá un pulo importante para garantir a seguridade no Camiño, demostrando así os beneficios que reportan os avances tecnolóxicos no desenvolvemento turístico do territorio.

A actividade, aberta a todo o público, rematará sobre as 13.30 horas. Todos os interesados en participar poderán anotarse de xeito gratuíto, ata cubrir as 40 prazas de aforo, a través do seguinte enlace: https://www.eventbrite.es/e/entradas-la-via-de-la-plata-a-traves-de-paisajes-esperienciales-210574061687.

Ademais da Vía da Prata, o Inorde organiza co xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés, unha actividade de geocaching para descubrir a natureza, a xeografía e a historia deste territorio a través de catro posibles rutas temáticas: máxica, literaria, arqueoloxía e do Camiño de San Rosendo. Esta actividade, que contará cunha guía, está dirixida a familias e a grupos. Trátase dunha oportunidade única para atopar novos tesouros e gozar de máxicos descubrimentos paisaxísticos con algo tan divertido como é o geocaching.

A actividade terá lugar o domingo, 21 de novembro, desde as 11.00 ás 12.30 horas, na praza Maior de Celanova para recorrer distintas localizacións das rutas do proxecto “Geotour Celanova -Serra do Xurés”. Os interesados en participar poderán inscribirse de xeito gratuíto, ata chegar ás 15 persoas, a través do seguinte enlace: https://www.eventbrite.es/e/entradas-geocaching-210578173987.

Ademais destas dúas propostas, o Inorde organiza dúas xornadas técnicas centradas na dixitalización na viticultura que terá lugar o venres, 19 de novembro, a partir das 16.00 horas na finca experimental de Monterrei; e outra sobre economía circular que se celebrará o 23 de novembro, desde as 10.45 ás 11.45 horas, no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde.

A Mobile Week, iniciativa promovida por Mobile World Capital Barcelona, e que en Ourense organiza a Deputación e maila asociación Red Mundo Atlántico, celebrarase en diversos escenarios da provincia nunha intensa axenda con máis de 40 actividades para achegar a tecnoloxía á cidadanía, participando en obradoiros de dixitalización, comprobando a relación da tecnoloxía co cine e a arte, axudar a viralizar espazos naturais da provincia ou visitar Ourense desde calquera recuncho do mundo.

También te podría gustar...