Miguel Bautista, interésase pola mellora da estrada entre Viana e Pobra de Trives
- O Deputado provincial e Alcalde de Petín, interésase pola mellora da estrada entre Viana e Pobra de Trives
- O Deputado Socialista, pregunta pola realización dos estudos e a valoración desta obra; tendo en conta a importancia estratéxica para estas poboacións
O deputado provincial pola comarca de Valdeorras, Miguel Bautista, recordoulle hoxe ao Presidente da Deputación un acordo do Pleno, aprobado de xeito unánime, en base a unha Moción do Grupo Socialista, para que o servizo de Infraestruturas da Deputación realizara os estudos técnicos e valoracións correspondentes do arranxo integral da estrada Viana do Bolo- Vilariño de Conso –Manzaneda -A Pobra de Trives (OU-533).
No acordo tamén se prevía a inclusión desas obras de mellora dentro da rede viaria provincial de forma paulatina.
Miguel Bautista Carballo, solicitou coñecer o contido dos estudos técnicos e a valoración económica da citada estrada, así coma as fases nas que se prevé executar.
Bautista insiste na importancia desta vía para as poboacións e territorios municipais afectados que sofren o illamento e, tamén, o feito de que é unha vía estratéxica para o desenvolvemento do macizo central e da estación invernal de Manzaneda.
O deputado socialista pide axilidade para ir executando os tramos desta mellora integral nesta importante vía de comunicación, tendo en conta que xa pasaron 2 anos dende o acordo plenario.