Mesa de traballo para potenciar o sector da castaña

  • A Deputación liderará unha mesa de traballo para potenciar o sector da castaña en Ourense
  • Manuel Baltar visitou onte en Riós as explotacións danadas polo temporal e reuniuse con produtores e cos alcaldes de Riós, Castrelo do Val, A Mezquita e A Gudiña para analizar o presente e o futuro desta industria agraria

Manuel Baltar visitou con alcaldes e produtores os cultivos de castaña danados polo temporal

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse onte na Casa Consistorial de Riós cos alcaldes dos concellos de Riós, Castrelo do Val, A Mezquita e A Gudiña e con produtores de castaña para analizar temas referidos ao presente e futuro do sector da castaña nesta comarca. Baltar visitou as explotacións que resultaron seriamente danadas por mor do temporal, e acordouse constituír unha mesa de traballo, liderada pola Deputación de Ourense e integrada por concellos e produtores, para potenciar o produto estrela da nosa gastronomía ourensá», expresou o presidente do goberno provincial.

Asemade, Manuel Baltar afirmou que se potenciará o Centro Agroforestal «e prestaremos apoio técnico para avaliar os danos causados na castaña polo temporal e coordinar os traballos de limpeza de fincas coa axuda das brigadas medioambientais». Tamén anunciou o presidente que a Deputación de Ourense «ponse a disposición do consello regulador para fortalecer o seu labor e contribuír a divulgar as vantaxes do cooperativismo e da profesionalización do sector da castaña». «O compromiso é total –remarcou Manuel Baltar-, tendo como guía o estudo Promercado, desenvolvido polo Inorde co obxectivo levar a cabo accións que permitan impulsar a produción e comercialización dos produtos endóxenos da provincia de Ourense dende o punto de vista empresarial, da análise de mercado e da cooperación intersectorial».

Baltar reafirmouse, como xa anunciara no Debate sobre o Estado da Provincia en novembro pasado que a Deputación de Ourense seguirá solicitando ao Goberno a elección de Ourense-Riós para o Centro Nacional de Referencia do Castaño, «que demandamos dende aquí, instando ao goberno de Galicia a potenciar todo o relacionado con este produto».

También te podría gustar...