Medio Ambiente vén de iniciar as obras de construción do punto limpo de Lobios para mellorar a loxística na xestión de residuos
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de iniciar as obras de construción que dotarán ao Concello de Lobios dun punto limpo do que se beneficiarán todos os seus habitantes.
As obras foron adxudicadas por un importe de máis de 310.000 euros (313.896,53) á empresa Explotaciones Medioambientales, S.L.U. Prevese que esta compañía remate as tarefas antes de que finalice o ano, xa que se conta cun prazo de execución de tres meses.
A futura instalación permitirá levar a cabo unha xestión eficiente dos residuos sólidos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade.
Porén, os fogares deste termo municipal poderán separar os refugallos que representen un risco para a saúde e para o medioambiente, como poden ser as pinturas ou as pilas. A facilidade á hora de recuperar os recursos contidos nos residuos para a reciclaxe ou a posibilidade de evitar a vertedura incontrolada de cascallos e lixo voluminoso serán outros beneficios que aportará o punto limpo. Estas son unhas actuacións que se enmarcan dentro do desenvolvemento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020.
En concreto, a nova instalación permitirá realizar o depósito de residuos para a súa posterior separación e clasificación, mellorando a loxística na xestión. Desta maneira evitarase a vertedura incontrolada de lixo, o que posibilitará unha diminución dos impactos prexudiciais sobre a saúde pública, a paisaxe e o medioambiente. Ademais permitirase un abaratamento nos procesos de valorización de residuos, dando cumprimento ás esixencias europeas en materia de xestión de refugallos. Por último, aproveitaranse os materiais contidos nos refugallos a través da redución do consumo de materias primas e recursos naturais.