Medio Ambiente licita por dous millóns de euros as obras de restauración das marxes do río Miño a carón da AG-53, en Ourense
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe –a través da Sociedade Pública de Investimento- por dous millóns de euros (2.041.684) ás obras de restitución da ribeira do río Miño no cruzamento sobre o mesmo da autoestrada AG-53, na parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo do Concello de Ourense.
Os primeiros traballos que se deberán executar son os correspondentes á construción dunha estrutura de paso sobre a vía férrea Vigo- Ourense, para posteriormente executarse o recheo destinado a recuperar a ribeira do río Miño. O prazo inicial das obras é de seis meses, aínda que condicionado a poder desenvolver as obras cun nivel axeitado das augas do río Miño.
Para a restauración da ribeira dereita do río Miño está previsto efectuar un recheo de aproximadamente 44.000 m³ con material adecuado ou chan seleccionado. Adicionalmente, disporase unha protección da fronte de ribeira e na zona das pilas da ponte sobre o Miño, para evitar a socavación da canle.
Estes traballos executaranse seguindo os criterios marcados por Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que consideran que para lograr a protección da marxe non é recomendable a construción de muros, debéndose de proxectar medidas alternativas que cumprisen coas premisas como a protección fronte á erosión ou a implantación dun sistema de restauración do terreo capaz de soportar os caudais estimados para o río e que permita o crecemento rápido da vexetación de ribeira.
Asemade, para a protección fronte á erosión ao pe do banco de ribeira apóstase por un sistema consistente en bloques de dique na parte baixo a lámina de auga, e até un metro por riba do nivel e muros vivos para a superficie por encima dese nivel, dispondo un sistema de dique con ocos, nos cales se introduzan plantas nas xuntas entre a roca, de maneira que cheguen ao chan detrás do muro.
A obra executarase coas máximas precaucións ambientais, en especial en relación para a protección da calidade da auga do río Miño; polo que se prevé a colocación dunha barreira antiturbidez mentres duren os traballos de recheo na canle, e un apartado para restauración paisaxística, coa plantación mediante hidrosiembras, plantacións arbustivas e sementa de especies ripícolas na zona de ribeira.